miércoles, 21 de junio de 2017

ENTREGA DE PREMIOS

O 12 de xuño recibimos, de mans do Xefe Territorial, o premio do concurso de carteis con motivo do Día das Letras Galegas. Estivo acompañado por responsables de Política Lingüística, e contamos coa presenza dunha sobriña do autor homenaxeado, Carlos Casares, do Inspector de Zona, e dunha representación da ANPA do Centro.





















No acto felicitaron ao Centro polo traballo realizado, así como ao noso grupo (2º) por realizar o cartel nº8, escollido pola cadea de supermercados Erosky para figurar nas súas bolsas.


O alumnado participou en varias actuacións: 
-"Entrevista" a Carlos Casares na que foi preguntado pola súa vida e obra.


- Lectura, por parte de dous alumnos de 4º, do poema "Amemos", de Carlos Casares.


- Lectura, por parte de dous alumnos de 2º, dunha adaptación do conto do autor titulado "A Galiña Azul". Esta adaptación foi feita por un grupo de mestres/as do Centro, dentro dun programa de Innovación Pedagóxica no que participa o Colexio, e consta de texto e pictogramas para facilitar a súa lectura ao alumnado con TEA.




















- Interpretación do Himno Galego por todos os presentes, con música de acordeón interpretada por dous alumnos de 6º.




O mesmo acto, coas actuacións do alumnado, mereceu os parabéns das autoridades, e provocou a satisfacción de todos os presentes.
VISITA DE GREENPEACE

Con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente recibinos no Centro a visita duns voluntarios de Greenpeace, que centraron o seu traballo na concienciación do uso responsable das bolsas de plástico.
Con axuda dun documental, explicaron os danos provocados na fauna mariña polos plásticos que acaban no mar. Foi un documental impactante.
Aconselláronnos acudir ás compras con bolsas reutilizables, incidindo na necesidade de separar o lixo na casa para favorecer a reciclaxe.
E remataron organizando un exercicio práctico de repaso do uso dos diferentes colectores de lixo, con dramatización sobre a mellor opción de compra atendendo ao tipo de envasado dos produtos: mellor comprar produtos que non veñan envasados con plásticos.







lunes, 5 de junio de 2017

VIDEOCONFERENCIA

O venres, día 2 de xuño, levamos a cabo unha videoconferencia co alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria do CEIP "Virxe da Cela", de Monfero.

Este colexio e mais o noso están levando a cabo unha iniciativa, que partiu do Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro, consistente no intercambio de traballos dentro dunha relación de compañeiros de diferentes ámbitos xeográficos.
O obxectivo desta iniciativa é que o alumnado de ambos centros se enriqueza coas experiencias cotiás dos outros: nenos/as de cidade con nenos/as do rural e viceversa.
Pero o principal para nós é coñecer rapazas e rapaces que empregan o galego como lingua habitual de comunicación, e compartir con eles o uso desa lingua que posuímos en común e que tan pouco empregamos de xeito espontáneo.

Non foi esta a primeira actividade que realizamos no curso dentro desta iniciativa. Os primeiros contactos fixémolos xa hai tempo, presentándonos mediante debuxos e textos escritos que enviamos e recibimos por correo postal.

Nesta ocasión, e facendo uso das posibilidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías, fomos capaces de vernos e escoitarnos. Para iso preparamos, xunto co prefesorado do colexio de Monfero, esta actividade que consistiu en catro apartados:

- Presentacións.
- Características dos nosos colexios e lugares de residencia (no noso caso A Coruña e o barrio).
- Actuacións (nós propuxemos adiviñas, contamos chistes e fixemos malabarismos).
- Conversa, na que fixemos e respostamos preguntas sobre os nosos gustos e afeccións escolares e persoais.

A actividade prolongouse durante unha hora. A atención e interese do alumnado estivo garantida todo o tempo. Foi unha experiencia moi enriquecedora dende o punto de vista técnico (experiencia TIC,s), social (intercambio de experiencias e coñecementos) e lingüístico (preparación e desenvolvemento da videoconferencia, integramente en lingua galega).

Queda en proxecto o coñecérmonos fisicamente mediante viaxes de visita dun Centro a outro, pero iso en vindeiros cursos.





VISITA A MARÍA PITA

Dentro do programa municipal "Coruña de Aventura", o día 25 de maio asistimos á visita "Os tesouros de María Pita".
Entendemos por ditos tesouros os que se poden atopar na praza dese nome: edificacións, rúas adxacentes, mobiliario urbano, sinais xeográficas e pazo municipal por fóra e por dentro.

O esquema da visita foi o seguinte: chegada e distribución do grupo en dous subgrupos. Cada un será acompañado por un monitor na visita aos exteriores.
Cada alumno/a recibe un caderno de traballo e un lapis. Alí aparecen unha serie de preguntas que han de ser repondidas previa observación directa do que hai na contorna: estatuas e detalles da fachada da casa do Concello, das casas que forman a praza, placas que nomean rúas próximas, placas conmemorativas de feitos ou persoas destacadas que habitaron alí, detalles heráldicos e símbolos históricos, representación do meridiano da cidade, número de elementos concretos do mobiliario urbano, historia de María Pita e detalles do seu monumento...
A continuación os dous subgrupos reúnense de novo para acceder ao interior do pazo municipal, onde se visita o salón de plenos, con especial atención ás vidreiras do teito, e aos gravados nos escanos que narran a historia (real e mitoloxizada) da cidade.

Regresamos ao colexio moi satisfeitos do vivenciado e aprendido.
Anécdotas: 
- A metade da clase (un dos dous subgrupos) tivo a oportunidade de ver (por casualidade) ao actual alcalde.
- Merecimos a felicitación dos monitores polo noso nivel de coñecemento da historia da Coruña.
























Como despedida, xa cansos,  unha foto final:





miércoles, 17 de mayo de 2017

O MAIO

No centro é habitual que a ANPA organice a elaboración dun maio, homenaxe á Natureza e o seu renacer en primavera. A orixe deste costume pérdese nos tempos, e en Galicia consérvase vivo en moitas zonas.
Este ano o alumnado de 2º, ademais de participar na elaboración material do mesmo, colaborou debuxando personalizacións alegóricas da Nai Natureza, que foron expostas xunto co maio na entrada do colexio. Deste modo traballamos plasticamente figuras de expresión que son frecuentes na literatura.
Comprendemos a similitude da Natureza como nai que nos dá a vida a todos, cos nosos pais que tamén nola dan.

En clase falamos do tema e fixemos os debuxos con moito interese, pois ían ser expostos para ser vistos polo público de dentro e fóra do colexio.




Despois axudamos a confeccionar o maio coas nosas flores.







E por último o resultado dos nosos traballos expuxéronse ao público.




DIVERTIRSE CON SESO

Dentro do programa educativo do Concello de A Coruña, os cursos de 1º e 2º participamos nesta actividade.
Desenvolveuse no mesmo colexio, en tres sesións tres días diferentes, en semanas consecutivas.
O seu obxectivo é cuestionar os papeis sociais asignados por sexo, para fomentar a igualdade en dereitos e deberes de homes e mulleres.

Na primeira sesión reinterpretáronse contos clásicos, e evidenciouse o irreal dos arquetipos que neles se transmiten:
As nenas de verdade non son tontas nin despistadas coma Carapuchiña, os nenos de verdade non son preguiceiros nin insensatos coma os Porquiños, nin as avoas indefensas, nin os lobos asasinos, nin os cazadores os que amañan todo na vida...

Na segunda sesión tratouse directamente a igualdade de responsabilidades de cara ás tarefas domésticas, coa inxustiza que supón que sexan responsabilidade exclusiva das mulleres que tamén traballan fóra da casa. Tamén se tratou a inxusta desvaloración social do traballo doméstico.

Na terceira abordouse o tema de "que desexan as mulleres?" para seren felices. O alumnado manifestou como respostas correctas cuestións socialmente asignadas ao papel feminino como esenciais (matrimonio, maternidade, beleza ). Para a súa sorpresa, a resposta correcta era "ter capacidade de decidir", co que se aborda o tema da "empoderación" da muller.

Todas as sesións constaron de contos contados por "Caxoto", un personaxe contacontos que fomentaba a participación do alumnado nas historias, e propuña actividades diversas relacionadas co tema tratado (dramatizacións, xogos, música...)

Tanto por contidos como por adaptación aos intereses dos nenos/as, a actividade foi moi interesante.





lunes, 1 de mayo de 2017

O PADRIÑO LECTOR

Dentro da celebración do Día do Libro, e por iniciativa do Equipo de Biblioteca do Centro, o alumnado de cursos superiores actuou como motivador de lectura co alumnado dos cursos inferiores. 
Este curso xa somos maiores e tocounos ser padriños lectores do alumnado de Educación Infantil de 5 anos.
Escollemos os textos que iamos lerlles aos nosos pequenos compañeiros e preparamos a lectura con interese.
O venres 21, no horario de lectura, distribuímonos ao chou para ler cadanseu conto a un compañeiro/a. Cando un "padriño" remataba o seu conto, quedaba á espera de que un "afillado" quedase libre para lerlle o seu conto, de modo que cada padriño tivo varios afillados e cada afillado varios padriños, porque o tempo permitiunolo.








A experiencia resultou tan positiva que o profesorado está a barallar a posibilidade de repetila con certa periodicidade.