miércoles, 17 de mayo de 2017

DIVERTIRSE CON SESO

Dentro do programa educativo do Concello de A Coruña, os cursos de 1º e 2º participamos nesta actividade.
Desenvolveuse no mesmo colexio, en tres sesións tres días diferentes, en semanas consecutivas.
O seu obxectivo é cuestionar os papeis sociais asignados por sexo, para fomentar a igualdade en dereitos e deberes de homes e mulleres.

Na primeira sesión reinterpretáronse contos clásicos, e evidenciouse o irreal dos arquetipos que neles se transmiten:
As nenas de verdade non son tontas nin despistadas coma Carapuchiña, os nenos de verdade non son preguiceiros nin insensatos coma os Porquiños, nin as avoas indefensas, nin os lobos asasinos, nin os cazadores os que amañan todo na vida...

Na segunda sesión tratouse directamente a igualdade de responsabilidades de cara ás tarefas domésticas, coa inxustiza que supón que sexan responsabilidade exclusiva das mulleres que tamén traballan fóra da casa. Tamén se tratou a inxusta desvaloración social do traballo doméstico.

Na terceira abordouse o tema de "que desexan as mulleres?" para seren felices. O alumnado manifestou como respostas correctas cuestións socialmente asignadas ao papel feminino como esenciais (matrimonio, maternidade, beleza ). Para a súa sorpresa, a resposta correcta era "ter capacidade de decidir", co que se aborda o tema da "empoderación" da muller.

Todas as sesións constaron de contos contados por "Caxoto", un personaxe contacontos que fomentaba a participación do alumnado nas historias, e propuña actividades diversas relacionadas co tema tratado (dramatizacións, xogos, música...)

Tanto por contidos como por adaptación aos intereses dos nenos/as, a actividade foi moi interesante.





lunes, 1 de mayo de 2017

O PADRIÑO LECTOR

Dentro da celebración do Día do Libro, e por iniciativa do Equipo de Biblioteca do Centro, o alumnado de cursos superiores actuou como motivador de lectura co alumnado dos cursos inferiores. 
Este curso xa somos maiores e tocounos ser padriños lectores do alumnado de Educación Infantil de 5 anos.
Escollemos os textos que iamos lerlles aos nosos pequenos compañeiros e preparamos a lectura con interese.
O venres 21, no horario de lectura, distribuímonos ao chou para ler cadanseu conto a un compañeiro/a. Cando un "padriño" remataba o seu conto, quedaba á espera de que un "afillado" quedase libre para lerlle o seu conto, de modo que cada padriño tivo varios afillados e cada afillado varios padriños, porque o tempo permitiunolo.








A experiencia resultou tan positiva que o profesorado está a barallar a posibilidade de repetila con certa periodicidade.

domingo, 16 de abril de 2017

VISITA AO CASTELO DE SAN ANTON

O día 4 de abril, dentro do programa municipal de Educación, visitamos o Museo Arqueolóxico no Castelo de San Antón.

Na aula traballamos previamente cal foi a razón de ser do castelo, e como constituía, xunto co desaparecido de San Diego, a principal defensa do porto.

A visita aportou informacións sobre o edificio: usos ao longo do tempo, funcións das súas estancias, personaxes relacionados con el a través da historia... 

Tamén  informacións igualmente interesantes sobre pezas alí gardadas, dende a prehistoria (Paleolítico, Neolítico, Idade dos Metais), pasando pola civilización castrexa, a romanización e a Idade Media, ata chegar ás Idades Moderna e Contemporánea. 






















E houbo tempo para observar o fondo mariño, e o ecosistema acuático da zona próxima.



















O tempo atmosférico acompañounos, de modo que a visita resultou completa ao podermos ver os exteriores do castelo con comodidade.

Chegados á clase, o alumnado expresou de xeito escrito e plástico o que máis interesante lle resultara. Maioritariamente o máis atractivo da visita foi o propio castelo, e de forma especial o alxibe e as escaleiras de caracol que dan acceso á azotea.
Con todas estas aportacións confeccionaremos un libro para a aula.

jueves, 30 de marzo de 2017

VISITA AO MUNCYT

O día 22 de marzo visitamos o MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia y Tecnología).

Ao chegarmos pasamos directamente a unha ampla e luminosa sala onde levamos a cabo un obradoiro, consistente na confección duns helicópteros de papel. Decoramos, recortamos, dobramos e situamos un clip na base como contrapeso. O Museo facilitounos os materiais.

Os helicópteros non se asemellan aos de verdade na súa forma, pero si na súa maneira de desprazarse, iso si, sempre de riba a abaixo.

Este voo dos artefactos tivo lugar nun espazo moi axeitado, que comunica varias plantas do museo no seu interior. Deixamos caer os nosos helicópteros á vista dos compañeiros de 1º curso, que tamén desfrutaron da mesma saída educativa.




Acabada esta experiencia iniciamos a verdadeira visita aos fondos museísticos. 

O primeiro tema co que nos atopamos foi a aeronáutica: contacto co tamaño e materiais de construción dun enorme avión dos anos 80 do século XX. Comezamos con explicacións teóricas ás que estivemos moi atentos.


Observamos o impresionante tamaño da punta da á que se conserva no MUNCYT, e imaxinamos o da totalidade da mesma, pintada en parte na parede. E tamén o enorme volume dun dos catro motores da aeronave.


































Seguidamente presentáronnos as caixas negras do avión, a súa utilidade e as funcións de cada unha das dúas que tiña.
















E observamos os diferentes tipos de asentos que tiña o avión, formulándonos o reto de saber cal deles era o do piloto. A dúbida resolvémola máis adiante por simple observación.



A continuación tivemos ocasión de manipular  materiais que formaban parte de diferentes partes do avión (interior das ás, ventás, asentos...). Algúns eran realmente sorprendentes!

E tamén observamos unha maqueta do que foi esta enorme obra da enxeñería aeronáutica.


Despois veu unha das partes máis impactantes da visita: ver, tocar e montar na enorme proa do avión, chamado Lope de Vega, e no que foi trasladado a España dende EEUU o cadro "Guernica" de Pablo Picasso.




Na zona dos "pasaxeiros millonarios".


Na cabina. Aquí identificamos o asento do piloto. E vimos cableado, materiais interiores das paredes ...



Despois pasamos a unha sala na que desfrutamos de dous robots antropomorfos, que interactuaron un co outro e tamén con nós. Ao final explicáronnos como era que podían saber cousas do noso barrio e colexio: manexo dos mesmos mediante un ordenador a distancia.


Visitamos despois diferentes salas continuas, con pezas de reloxos, carruaxes, locomotoras e coches antigos, unha computadora de mediados do século pasado, o antigo faro da Torre de Hércules, unha pianola, antigos proxectores e anacos de películas, algunha de debuxos animados cos seus múltiples fotogramas...









Para rematar esta interesantísima visita situámonos na parte baixa dese espazo que comunica plantas dentro do edificio do Museo, e alí desfrutamos da baixada dos helicópteros dos nosos compañeiros de 1º, que agora os deixaban caer para velos nós.



Xa de volta na clase debuxamos o que mellor nos gustara da visita. Vedes que os gañadores indiscutibles foron o avión e mais os robots, aínda que algunhas outras cousas  tamén tiveron os seus admiradores.