jueves, 12 de mayo de 2016

O MAIO


O día 4 de maio a ANPA organizou a elaboración dun maio, coa axuda do alumnado de Educación Infantil e 1º e 2º de Educación Primaria.
Esta fermosa tradición galega, con orixe no máis lonxano dos tempos, pretende celebrar a primavera e os seus beneficios, a explosión da vida que sucede ao triste e improdutivo inverno, e todo cun claro sentir de festa.

Preparados todos, con cadansúa flor, despois de cortarlles o talo.
















En plena faena.




O resultado do noso traballo.


martes, 26 de abril de 2016

O PADRIÑO LECTOR

O día 22 de abril participamos nesta actividade que, para todo o Centro, organizou o Equipo Docente da Biblioteca.
Consistiu en que todo o alumnado do Colexio, durante o tempo de lectura obrigatoria diario (12:00 - 12:20) e de xeito simultáneo, aínda que en diferentes espazos do edificio por razóns prácticas elementais, leu ou escoitou ler a un ou dous compañeiros/as doutro nivel algún conto libremente escollido polos lectores. Así, os que lían (alumnado de 6º a 3º) convertéronse nos "padriños lectores" dos que escoitaban (alumnado de 2º a Educación Infantil de 3 anos).
Os compañeiros maiores poñen a contribución a súa experiencia lectora en beneficio dos máis novos, e estes reciben un interesantísimo exemplo que fomenta a valoración positiva da lectura.

Aos de 1º asignóusenos o curso de 3º. Estes compañeiros maiores prepararon a conciencia os contos que nos leron, e conseguiron fixar a nosa atención nas interesantes historias que nos presentaron, resultando ser uns magníficos padriños e madriñas de lectura.








BALLET DON QUIXOTE

Como celebración do cuarto centenario do falecemento de Miguel de Cervantes, e no marco da conmemoración do Día do Libro, os cursos de 1º e 2º de EP asistimos á representación do ballet "Don Quixote".
A obra representada, que foi unha adaptación para o alumnado destas idades, presenta os amores imposibles entre Basilio e Quiteria, que sofren a oposición do pai desta. Don Quixote e Sancho non son os protagonistas, pero interveñen para favorecer que os namorados poidan levar a bon término as súas intencións, dentro do propósito de axudar aos necesitados "desfacendo entuertos", propio do idealista Fidalgo.
Aínda que reflicte algún feito da novela de Cervantes (como a loita cos muíños de vento), e recolle as personalidades de cabaleiro andante e escudeiro, é unha creación libre.

Nas magníficas instalacións do Pazo da Ópera, o alumnado desfrutou do que supuxo, para case todos eles, o seu primeiro contacto coa expresión artística da danza clásica, cunha música marabillosamente interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia.
Previamente traballouse na aula unha unidade didáctica sobre os temas (Cervantes, o Quixote, o ballet), que facilitou a comprensión e desfrute do espectáculo por parte dos nenos e nenas.
Posteriormente recolleron as súas observacións máis importantes nestes textos con debuxos.







sábado, 9 de abril de 2016

CONTACONTOS

O 5 de abril, por xentileza da Editorial Anaya, desfrutamos da actuación de Iago, un contacontos que nos fixo revivir as aventuras de "Feliz Feroz, o lobiño riquiño".
Neste conto, previamente traballado como lectura nos cursos de 1º e 2º de Primaria, coñecimos este personaxe: un lobo noviño, fillo da loba Feroz e sobriño do lobo Feroz, que non daba máis que desgustos á súa familia, xa que en lugar de facer honra ao seu temible apelido (Feroz) era do máis pacífico.
Deciden que pase as vacacións co seu experto tío, para que aprenda a ser agresivo. 

O protagonista foi interpretado por Aitor, escollido ao chou.



O encontro de tío e sobriño comeza mal, pois o cativo regálalle un debuxo que o tío (interpretado por Iago) cualifica de "paparrucha".


Cada vez que o ferocísimo tío tenta ensinarlle estratexias de ataque (comer a Carapuchiña, derrubar a casa dos Tres Porquiños, cazar coellos...), Feliz Feroz acaba amigado coas súas vítimas.



















Cando por fin tentan que se disfrace para cazar aos Sete Cabritiños, Feliz disimula as patas con fariña e a voz con ovo, pero por casualidade ovo e fariña mestúranse e aí comeza a confección dunha torta de cenoria. 

O tío próbaa con desconfianza, pero gústalle, e tío e sobriño acaban convertidos en fabricantes e vendedores de doces cun grande éxito entre todos os animais.



viernes, 18 de marzo de 2016

VISITA Á PINACOTECA DE 6º

O venres, día 18 de marzo, acudimos á invitación do alumnado de 6º de Primaria para visitar unha exposición  instalada no corredor do segundo andar do Colexio.

Esta exposición, na que aparecían láminas que reproducían obras de arte de valor universal, enmárcase dentro do proxecto Talento 3.0 que se está a levar a cabo no Centro.

O alumnado de 6º estudou, ao longo dos dous primeiros trimestres, pinturas de diferentes épocas e autores relacionada coas asignaturas de Ciencias Sociais e Educación Artística.

Un grupo concreto de alumnos e alumnas profundizou nas mesmas e preparou un interesantísimo traballo sobre os autores e as súas épocas, estilos e técnicas artísticas das obras expostas. Confeccionou unha exposición coas obras seleccionadas que podían verse nas paredes do corredor, e preparou unhas tabletas con imaxes das mesmas obras para poderen ser desfrutadas de xeito máis persoal e manipulativo polo alumnado visitante. Caracterizados en ocasións como pintores de época, expuñan os seus coñecementos aos compañeiros e compañeiras de cursos inferiores, adaptándose con éxito ás capacidades e intereses de cada grupo-nivel.



.
Esta actividade, supervisada polo mestre-titor de 6º, supuxo un enriquecemento do currículo para os seus autores (alumnado de 6º) e para os visitantes (resto do alumnado do Centro). Tras a preparación, na que se produciu a aprendizaxe no alumnado de 6º, chegou a materialización dun produto final (visita ambientada e guiada á exposición) na que resultaron enriquecidos todos.


O PLANETARIO

O xoves, día 17 de marzo, visitamos un planetario móbil por xentileza da "Obra Social La Caixa", que foi instalado no salón de actos do Centro.
Foi unha actividade relacionada co inminente equinoccio de primavera, previamente traballado na aula, que ampliou o tema coa simulación da observación do ceo. O Sol e a Lúa, as estrelas e o seu movemento aparente provocado pola rotación terrestre, os puntos cardinais e a estrela Polar como referente do Norte, e algunhas das principais constelacións (Xéminis, Tauro, Orión, Osa Menor e Osa Maior...) e as referencias mitolóxicas que as inspiraron foron explicados ao alumnado, combinando as imaxes case reais do firmamento con imaxes plásticas que aclaraban, de xeito intuitivo, esas visións dos clásicos sobre os grupos de estrelas observabeis dende o noso hemisferio terrestre.


Esta actividade, interesante polo contido e polo novidosa, fixo as delicias do alumnado.

jueves, 10 de marzo de 2016

A INMIGRACIÓN

Como terceira parte desta longa actividade fixámonos na outra cara do mesmo feito: a inmigración.

Cunha sinxela dramatización na aula, na que representamos xente en dous países, e uns poucos que ían dun a outro, comprendemos que os que se desprazaban eran emigrantes para os que vían marchar da súa terra, pero tamén e ao mesmo tempo eran inmigrantes para os que os recibían no seu novo país de residencia.

Fixámonos en que o que non variaba nas dúas palabras era "migrantes" (viaxeiros), e así referímonos ás aves migratorias.
E a continuación aclaramos que os prefixos "e" (dende) e "in" (cara a) eran os que aclaraban o punto de vista de quen vía a estes viaxeiros, segundo os visen marchar (viaxar dende aquí) ou chegar (viaxar cara aquí).

Desa forma entendemos que os nosos emigrantes foron e son, ao mesmo tempo, inmigrantes para as xentes dos países aos que chegan.



E comprendido isto, pasamos a traballar termas de actualidade: a guerra de Siria, a pobreza na África subsahariana, as mafias que trafican con persoas que seguen morrendo en viaxes perigosas coma antes, os enormes campos de refuxiados sen comodidades mínimas.


E plantexamos unha nova pregunta:

E NÓS COMO TRATAMOS AOS INMIGRANTES?

Coas respostas do alumnado confeccionamos a última parte do mural.




Nas frases escritas podemos ler:

Non se debe botalos do país sen motivos.
Non se debe quitarlles o que teñen.
Non se lles debe quitar a casa.
Non se lles debe prohibir ir ao médico.
Non se lles debe prohibir ir á escola.
Non se lles debe pegar.
Non se deben meter no cárcere sen motivo.
Non se debe separar aos fillos dos pais.
Non se debe prohibir comprar cousas.
Non se debe tratar mal aos compañeiros novos.

E así quedou o mural ao completo: