A semana previa ao sábado 30 de xaneiro, o Colexio conmemorou o Día Mundial da Paz.
Este ano traballamos como fío condutor a historia de Sadako, nena xaponesa afectada pola chuvia radiactiva que seguíu ao bombardeo atómico de Hiroshima. Tiña tres anos naquel momento, e cando fixo doce padeceu leucemia, o chamado "mal da bomba". Estando encamada pola falta de forzas, unha amiga recordoulle unha lenda xaponesa que asegura a concesión dun desexo por parte dos deuses a quen constrúa mil grúas de papel, como premio ao seu esforzo e perseverancia. Sadako afrontou ilusionada a tarefa para conseguir o premio de volver andar, pero a morte chegoulle cando levaba feitas algo máis de seiscentas. Os seus amigos completaron as mil grúas, e solicitaron a construción dun monumento a ela en Hiroshima. Este lugar converteuse nun clamor universal contra a guerra, e de todas partes do mundo recíbense grúas de papel para adornar o monumento. Dende entón a grúa simboliza a paz en Xapón.
O alumnado do Centro construíu grúas de papel que foron colgadas no recibidor. Os nenos e nenas de 1º, dada a dificultade da tarefa, debuxáronas.
O venres, día 29, participamos no acto do Centro, no que se elaborou un mural coa palabra PAZ composta a modo de puzle con pezas previamente decoradas polas diferentes clases.
Para rematar todos cantamos a canción "Bajo el mismo Sol", amenizada por dúas alumnas de 3º que interpretaron unha coreografía con moito éxito.
Foi unha semana de intenso traballo que nos valeu a todos para reflexionar sobre a necesidade de resolver calquera conflito de xeito pacífico.
VISITA AO MUSEO DE BELAS ARTES
O venres día 5 de febreiro acudimos ao Museo de Belas Artes, dentro do programa educativo do Concello de A Coruña.
Vimos diferentes retratos, correspondentes a distintas épocas e estilos. Contextualizando cada un dos cadros que analizamos, fomos entendendo diferentes formas de representar a figura humana, unhas distantes de nós no tempo e outras máis cercanas; algunhas con carácter realista e outras máis fantásticas ou satíricas (caricaturas); unhas nas que a persoa retratada era claramente identificábel e outras nas que era anónima. Pero en todos os retratos figura a intención do artista de transmitir unha emoción.
Para favorecer a contextualización dalgúns retratos observamos pezas de séculos pasados como moedas, útiles de escritura, abanos...
Partindo dun retrato dos vistos pasamos a un obradoiro no que o alumnado debía expresar, de forma plástica, diferentes emocións en catro personaxes. Esta actividade enlazou claramente co traballo sobre intelixencia emocional que vimos desenvolvendo en clase.

No hay comentarios:
Publicar un comentario