Este curso escollemos a historia do Cociñeiro Martiño como libro de lectura obrigatoria e colectiva. O seu argumento, facilmente comprensíbel para o alumnado de 2º, estrutúrase en tres partes:
Elaboración dun biscoito ( historia acumulativa e facendo fincapé na colaboración).
Destrución do biscoito (tamén acumulativa, na que a responsabilidade do mal feito é compartida, e onde o perdón aparece implícito como algo natural, froito da comprensión mutua).
Resolución do problema (cando un plan non funciona, é sensato pensar outro que xusto pode ser a solución efectiva).
Ademais de actitudes e valores como a colaboración e a común asunción de responsabilidades, traballamos a comprensión, a tenacidade e a flexibilidade.
O texto gustou moitísimo. E máis aínda a visita do seu autor, Iago López, que como contacontos dramatizou, coa axuda de alumnado de 1º e 2º, a historia de Martiño.
Algúns dos espectadores foron seguindo de xeito espontáneo a evolución da historia nos seus respectivos libros.
Tras isto Iago respostou preguntas do alumnado. Interrogado sobre se podemos esperar un Cociñeiro Martiño II, afirmou que xa lle está dando voltas a unha nova aventura de Martiño, convertido xa en cociñeiro do Rei, na que lle desaparecen ingredientes de xeito misterioso.
O acto rematou co autor asinando os textos de xeito personalizado.





















No hay comentarios:
Publicar un comentario