viernes, 10 de marzo de 2017

SEMANA DA PRENSA

Seguindo as indicacións do Equipo de Biblioteca, durante a semana da prensa (6 a 10 de marzo) buscamos noticias positivas en diferentes xornais. 
Unha vez atopadas copiamos os titulares e, de ser preciso para mellorar a súa comprensión, un breve resumo do que se contaba.
De todos modos a noticia positiva estrela nesta semana foi a publicada pola Voz de Galicia o martes, día 7 de marzo, na que se daba conta do premio dos carteis de Carlos Casares obtido polo noso colexio. Por iso é a que ocupa o centro do mural que confeccionamos con todas as noticias positivas escollidas polo alumnado de 2º e que aquí vedes:


domingo, 5 de marzo de 2017

PREMIO!!!

O CEIPP "Anxo da Garda" acaba de ser premiado polo seu traballo de elaboración de carteis para a celebración do Día das Letras Galegas 2017.

Neste blog recolleuse o cartel realizado polo alumnado de 2º EP. 

Hoxe celebramos o éxito do Colexio no seu conxunto! 

Dez carteis de confección infantil que fan un percorrido pola obra de Carlos Casares, empregando a caixa de luz como soporte e as novas tecnoloxías (códigos QR), o que fai que este traballo  fose considerado pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellaría de Educación como merecedor do premio pola súa innovación, calidade artística e grao de implicación do espectador na recepción da información transmitida..

Este premio aporta, ademais de 2000 € para o Colexio e recoñecemento de méritos para o profesorado participante, o feito de seren os dez carteis oficiais para a celebración da homenaxe a Carlos Casares que  a Consellaría distribuirá aos centros de ensino de Infantil e Primaria de Galicia, aos centros culturais galegos de Galicia, España e o estranxeiro, e a empresas e comercios que colaboran con esta iniciativa da Xunta (máis de 2000 puntos de distribución).

Noraboa a todos os participantes e colaboradores.

BEN POR NÓS!
EGAGRÓPILAS


O tema de Ciencias da Natureza adicado aos animais divídese en vertebrados e invertebrados. 

Para rematar a parte dos vertebrados convertemos a clase nun laboratorio. A clave para entrar nese laboratorio era a palabra "EGAGRÓPILA", de modo que quen non a soubese dicir non podía entrar nel. Tras o correspondente esforzo, entramos todos grazas a saber a clave.

Motivo da clave: o traballo no laboratorio era estudar egagrópilas. Son formacións que producen algunhas aves que, ao enguliren enteiras as súas presas, teñen grandes dificultades para proceder á dixestión das mesmas. Por iso, despois de aproveitar no papo as substancias máis facilmente dixeribles, regurxitan o resto de substancias nunha masa compacta que recibe o nome de egagrópila. É frecuente en especies como curuxas, bufos, mouchos, voitres...

Ao analizar o contido da egagrópila, sábese que comeu a ave.

Por razóns hixiénicas e prácticas (fraxilidade do que as egagrópilas conteñen), a manipulación das mesmas realiceina eu. O alumnado observou e concluíu.

Instrumental empregado.
Primeiros restos extraídos: pelo.
Aparecen osiños, entre eles os  dunha cabeza!
As mandíbulas teñen grandes dentes incisivos: roedor.
Restos da parte superior do cranio: ósos planos.
E seguen aparecendo ósos delgados e pequenos: a presa era un rato!

A continuación fomos á aula de informática á procura de información sobre as egagrópilas.

Compartimos a experiencia con compañeiros doutro curso (3º).

Vimos vídeos sobre as curuxas (as egagrópilas estudadas eran de curuxa).

Estou seguro de que nos quedaron gañas de repetir.

CONCERTO

O día 22 de febreiro asistimos a un concerto da Orquestra Sinfónica no Pazo da Ópera, auspiciado polo Concello de A Coruña.

O título era "Historias do Mar". Un vello mariñeiro contaba a súa vida dende a infancia, describía verbalmente diferentes estados do mar (calmo, picado, en tormenta...) que seguidamente eran interpretados pola orquestra mediante fermosas pezas breves, das que se explicaban o autor e a obra á que cada unha pertencía.
Falou de máis historias: monstros mariños, o Holandés Errante... De cada narración a orquestra interpretaba unha peza musical.


O programa, facilitado ao Centro, foi previamente traballado nas clases de Música.


Entrada no Pazo da Ópera. Sorpresa maiúscula ao vérense reflectidos nos espellos superiores da fachada.



Xa acomodados nas nosas localidades, antes de iniciarse o concerto.



A orquestra afinando, inmediatamente antes do comezo da función.



















A partir de aquí as fotos e gravacións están prohibidas!

A pesar da seriedade do concerto, a manifestación xeral ao chegarmos á clase foi que á maioría do alumnado lle gustara moito. Así que podemos consideralo un éxito!


DÍA DA PAZ

O 30 de xaneiro, Día Mundial da Paz, participamos no acto colectivo que celebrou todo o Colexio co obxectivo de valorar a paz como unha actitude positiva nas relacións humanas.
Tivo lugar no patio cuberto. Consistíu nun baile a base de rodas nas que o alumnado collíase das mans e escenificaba apertas, todo ao ritmo da canción de "Don Melitón", previamente ensaiada por Ángel, o profesor de Educación Musical.

A música, con apoio da megafonía, foi interpretada por alumnado de 6º de EP.





Acto breve, pero cargado de significado para todos.
O COCIÑEIRO MARTIÑO

Este curso escollemos a historia do Cociñeiro Martiño como libro de lectura obrigatoria e colectiva. O seu argumento, facilmente comprensíbel para o alumnado de 2º, estrutúrase en tres partes:
Elaboración dun biscoito ( historia acumulativa e facendo fincapé na colaboración).
Destrución do biscoito (tamén acumulativa,  na que a responsabilidade do mal feito é compartida, e onde o perdón aparece implícito como algo natural, froito da comprensión mutua).
Resolución do problema (cando un plan non funciona, é sensato pensar outro que xusto pode ser a solución efectiva).

Ademais de actitudes e valores como a colaboración e a común asunción de responsabilidades, traballamos a comprensión, a tenacidade e a flexibilidade.

O texto gustou moitísimo. E máis aínda a visita do seu autor, Iago López, que como contacontos dramatizou, coa axuda de alumnado de 1º e 2º, a historia de Martiño.










































Algúns dos espectadores foron seguindo de xeito espontáneo a evolución da historia nos seus respectivos libros.
































Tras isto Iago respostou preguntas do alumnado. Interrogado sobre se podemos esperar un Cociñeiro Martiño II, afirmou que xa lle está dando voltas a unha nova aventura de Martiño, convertido xa en cociñeiro do Rei, na que lle desaparecen ingredientes de xeito misterioso.

O acto rematou co autor asinando os textos de xeito personalizado.



sábado, 18 de febrero de 2017

O CICLO DA AUGA

Este curso estudamos o Ciclo da Auga, reforzando e ampliando os primeiros contactos con este tema, que tiveron lugar o curso pasado.

Ademais de traballar o Ciclo como tal, fixámonos noutras cuestións como a auga potable e non potable, a necesidade da súa conservación e aproveitamento, a evaporación da auga do mar como paso esencial no mantemento do Ciclo da Auga, os cambios de estado da auga e a súa importancia no tempo atmosférico.

Para achegarnos á realidade, facendo unha observación controlada, levamos a cabo un experimento na aula:

En primeiro lugar fixemos unha disolución non saturada de sal en auga. Traballamos conceptos como disolvente e soluto, observando que, aínda que o sal seguía estando na auga despois de disolverse, non podiamos velo.

A continuación deixamos a auga salgada nun prato (para favorecer a evaporación mediante unha ampla superficie de contacto co aire) durante varios días, e aí tivo lugar o achegamento á investigación científica:

- Formulamos hipóteses:   -Non vai pasar nada.
                                        -O sal vai desaparecer.
                                        -A auga vaise conxelar...

- Observación paciente do proceso:  Cada día o alumnado miraba con curiosidade os cambios no experimento, e íanlle buscando algunha explicación ao observado. Así, cando de pronto apareceu sal cristalizado nas beiras do prato (unha vez evaporada a primeira cantidade de auga), a opinión xeral era que estaba apaecendo xeo. Teñamos en conta que non se podía tocar nada do que había na mesa de experimentación, polo que unicamente usaban o sentido da vista (e algúns o do olfacto) para a análise dos feitos.


-Ao aparecer as figuras prismáticas na auga, uns pensaban que non sabían o que estaba pasando, pero outros mantíñanse en que se trataba de xeo.

-Cando apareceron máis puntos sólidos no centro do prato, a meirande parte do alumnado empezou a opinar que se trataba de sal, pero que os prismas grandes eran xeo.


Por fin, despois de máis de quince días, a auga desapareceu por completo a xa todos vían claro que a auga se evaporara, e que o que había no centro do prato era sal.

Permiso para tocar e dous grandes descubrimentos:
- O QUE ESTÁ NAS BEIRAS DO PRATO ESTÁ DURO E PEGADO, E TAMÉN É SAL
- OS PRISMAS DESPÉGANSE FACILMENTE PERO NON ESTÁN FRÍOS, NON SON XEO, SON TAMÉN SALGADOS.

Conclusión: A auga evaporouse e agora está no aire da clase!!!, e o sal reapareceu unha vez desaparecida a disolución, pero cristalizado!!!

A partir de aquí investigación en Internet: - auga na Natureza en Galiza
                                                               - as salinas
                                                               - o sal

E froito dese traballo foi este mural feito por toda a clase.