domingo, 31 de enero de 2016

INTELIXENCIA EMOCIONAL

As emocións son unha parte esencial da mente humana e condicionan todo o noso proceso vital.
Por iso identificalas e cultivalas no periodo de formación é importantísimo para o correcto e completo desenvolvemento do ser humano.
Partindo dun libro sinxelo e moi interesante (El monstruo de colores),  lido no tempo de lectura, pasamos a unha actividade, duradeira no tempo, que está enfocada á identificación das principais emocións que podemos sentir.
Cada alumno/a do grupo dispón de sete "monstros", elaborados por eles mesmos, que representan diferentes emocións segundo un código de cores que aportaba o libro citado. Así:
Monstro verde: estou tranquilo/a.
Monstro amarelo: estou ledo/a.
Monstro azul: estou triste.
Monstro vermello: estou rabioso/a.
Monstro negro: estou asustado/a.
Monstro rosa: estou namorado/a.
Monstro de moitas cores: estou feito/a un lío.


Ao inicio da xornada todos poñen na súa mesa o monstro que reflicte o seu estado de ánimo. Cada vez que cambia a clase, cada quen revisa se debe cambiar o monstro da mesa. Tamén o fai en calquera outro momento se hai un cambio nas súas emocións que o xustifique.

















As conversas que mantemos, expondo como nos atopamos emocionalmente e o seu motivo, permiten que o alumnado as identifique, as verbalice exteriorizándoas e que entenda que os demais tamén teñen emocións que todos debemos respectar. 
En moitos casos isto serve para a resolución de conflitos entre compañeiros/as.

Pouco e pouco imos introducindo cuestións máis prácticas, como valorar se as razóns que nos provocan unha determinada emoción son ou non motivo dabondo para sentirmos esa emoción. 
E nun terceiro paso intentamos potenciar o positivo das emoción e buscar solucións ás  negativas, tanto propias coma alleas, sempre dende o respecto á vontade e decisións persoais.

Neste sentido asistimos o luns, día 25 de xaneiro, a unha representación teatral á que nos invitaron os compañeiros/as de 4º, dentro das celebracións do Día da Paz, titulada "Emocións", nas que se nos deron ideas moi útiles para controlar os nosos impulsos, tirando partido deles.

No hay comentarios:

Publicar un comentario