miércoles, 2 de diciembre de 2015

UN NOVO CURSO

De novo o blog de 1º para informar da marcha do curso, os traballos académicos e actividades diversas de cara á formación do alumnado.

Dende setembro estamos adaptándonos aos ritmos da Etapa de Educación Primaria, e sen apenas decatármonos o primeiro trimestre vai case vencido.
O máis habitual é o traballo na aula ordinaria. Lectoescritura, numeración e cálculo, razoamento lóxico, coñecementos diversos sobre todo o que nos arrodea e fai de nós seres sociais, competentes e activos.



TEATRO

Parte importante da formación é apreciar e comprender diferentes formas de expresión artística. O teatro ocupa un lugar destacado como recreación plástica e verbal de historias que enriquecen a comprensión do mundo, visto a través dos ollos dos autores, directores de escea e intérpretes.
Asistir á obra "Alí Babá", xunto cos compañeiros de segundo, foi unha experiencia moi interesante. Tres actores deron vida, sen deixar o escenario nin cambiar o vestiario, a un nutrido grupo de personaxes mediante unhas sinxelas técnicas teatrais novas para o alumnado, que obrigou a exercitar a imaxinación e a atención do público. Decorados mínimos contribuíron á comprensión activa do texto, clásico da literatura universal, que aportou o atractivo de pornos en contacto con outra civilización.








miércoles, 17 de junio de 2015

LECTURA EN FRANCÉS

Por xentileza dunha mamá chegou a nós un interesantísimo libro sobre unha aventura de tres rapaces na selva da Amazonía. O libro é, ademáis de entretido, unha fonte de informacións sobre o ecosistema máis virxe e rico do mundo.
Está escrito en francés, de modo que aproveitamos a situación para tomar un primeiro contacto con esa lingua, unha das máis faladas do planeta e vía dunha riquísima cultura.
A súa proximidade ao léxico e morfosintaxe galegos permitiunos fixarnos nesas similitudes, e así repasar cuestións máis próximas a nós.
Tivo tal éxito que o alumnado mesmo pediu repetir a lectura do libro! Evidentemente por razóns de tempo xa será outro curso.



DESPEDIDA

E chegamos ao final do curso. Despois do moito traballo realizado, merecemos un descanso, desfrutando da presenza máis intensa dos papás e mamás, continuo aporte de saber e afecto.
Felices vacacións a todos!

martes, 16 de junio de 2015

ESTATÍSTICA

Mediante unha enquisa obtivemos información sobre as profesións dos pais e nais do alumnado de 2º. Con eses datos obtivemos a clasificación por sectores produtivos. Finalmente confeccionamos unha táboa e tiramos unhas conclusións.
Así traballamos a busca e tratamento da información.


CALCULADORA

Para familiarizarnos coa calculadora e as súas posibilidades, así como para reforzar aspectos matemáticos sen deternos na realización de algoritmos, empregamos en clase a calculadora en diferentes tarefas como:

-Ditado de números e operacións encadeadas.
-Elaboración de series ascendentes e descendentes.
-Resolución de problemas facendo as operacións coa calculadora (razoamento e estratexias).
-confección das táboas de multiplicar.


MÉTODO CIENTÍFICO

A observación e a experimentación son parte do método científico. Continuamos aplicando as dúas para obter unha serie de informacións que despois contrastamos e ampliamos a través da Internet.
Empregamos o microscopio binocular para achegarnos a aparellos de laboratorio, e permitiunos ver de primeira man as escamas que recobren a pel dunha serpe, perdida por ela cando efectuou a muda debida ao seu crecemento.
















O ESTUDO DO PASADO (APROXIMACIÓN Á HISTORIA)

Un principio pedagóxico recomenda que na aprendizaxe debemos ir do coñecido ao descoñecido. Por iso, sobre todo nos primeiros anos de formación, é moi interesante estudar a Historia partindo dos nosos días e avanzar, de forma inversa, cara ao pasado.
Así o fixemos a través de elementos moi familiares para o alumnado: medios de comunicación, de transporte, vivenda, electrodomésticos... Ata que dende ahí entramos noutros temas máis amplos como vestidos, cidades, modos de organización social, etc.
Unha das liñas que guiaban esta análise era o feito de que canto máis atrás imos no tempo, máis incómodas eran as terefas cotiás. Para comprobalo nada mellor que experimentalo. Por un tempo substituímos os bolígrafos e lapis actuais polas plumas de pomba e a tinta de antano. Quedou comprobado que o sistema antigo era moito máis traballoso ca o actual, aínda que os resultados obtidos non deixan de ser sorprendentes polo interese e pericia que lles dedicaron.













VISITA AO MUSEO DE BELAS ARTES

Para completar as nosas aprendizaxes, tocando tamén o tema da arte, visitamos o Museo de Belas Artes. Nunha exposición moi participativa, aprendemos a observar pinturas e esculturas, con atención a detalles, temas, historias reais ou inventadas, temas mitolóxicos, moi adaptada ás características e intereses do alumnado.
Rematamos cun obradoiro no que deron cor a unha fotocopia dun dos cadros vistos antes, con diferentes técnicas de pintado e pegado.

Mención especial merece o feito de tela feito co alumnado de 6º, co que compartimos viaxe e momentos dentro do museo, aínda que as visitas guiadas foron por separado. A experiencia resultou motivadora e moi enriquecedora para a maioría das nenas e nenos dos dous cursos.



Rematamos cun obradoiro no que deron cor a unha fotocopia dun dos cadros vistos antes, con diferentes técnicas de pintado e pegado.

martes, 19 de mayo de 2015

AS FOLLAS DE CADROS

Este curso non empregamos máis caderno ca o de dobre pauta. Para tomar contacto coas follas de cadros, e aproveitando o traballo das simetrías, realizamos uns exercicios nos que, centrados nas cuestións espaciais, combinamos a atención e a creatividade. Estes foron algúns dos resultados.








A partir de aquí introducimos o uso do bolígrafo como útil de escritura, co que conleva de esixencia de rigor e esforzo, xa que a goma de borrar non é efectiva para solucionar os despistes.

CIENCIA NA ESCOLA

A realidade está chea de cuestións científicas que, vivenciadas con espírito observador, permiten un achegamento do alumnado ao método experimental, e a conceptos como forzas, peso (masa e gravidade), disolucións ou magnetismo.

Experiencia sobre o peso, con achegamento aos conceptos de masa e gravidade:



Recollida das conclusións:




Experiencia sobre as disolucións:




EXPERIENCIAS DE BIOLOXÍA


Mediante a observación directa, a búsqueda de información na Internet e a recollida destas informacións afacémonos a observar a realidade con curiosidade e empregala como fonte de aprendizaxe.






Aquí vemos un exercicio partindo da observación dunhas crías de morcego mortas.


CONTACONTOS


O día 13 de maio, por xentileza da Editorial Anaya, visitounos un contacontos que nos enriqueceu cunha historia de superación dos medos infantís e das inseguridades á hora de enfrontarnos ás dificultades da vida. A metodoloxía, participativa e moi centrada nos ritmos corporais e da voz, fixo a delicia de todos.



LETRAS GALEGAS

O 15 de maio celebramos, xunto con todo o Centro, o Día das Letras Galegas, nun acto organizado polo Equipo de Dinamización Lingüística.
Coa interpretación do Hino Galego, breve semblanza de Xosé Fernando Filgueira Valverde (autor homenaxeado este ano), actuacións musicais e teatrais de diversos compañeiros e entrega dos premios do Certame Literario recordamos a importancia da lingua propia da nosa terra e dos nosos antergos.

Previamente traballamos unha unidade didáctica sobre o citado Filgueira Valverde.

O MAIO

O día 19 confeccionamos un maio, actividade organizada pola ANPA do Centro, para vivenciar unha das máis fermosas e antigas tradicións do noso país: a exaltación da primavera.



Para rematar recitamos un poema en grande grupo diante dos compañeiros de 1º.





martes, 5 de mayo de 2015

VISITA DE JACOBO FERNÁNDEZ SERRANO

Por xentileza do Grupo Anaya, o pasado 15 de abril recibimos a visita do autor e ilustrador da serie de cómics MARCOPOLA, que foron lidos polo alumnado de 1º e 2º de Primaria dentro das actividades de fomento da lectura, e ademais forman parte dos fondos da Biblioteca do Centro.

A súa exposición, moi próxima aos intereses e axustada ás capacidades do alumnado, tratou sobre o proceso de confección dunha banda deseñada, dende o xeito de idear un personaxe e o seu nome, pasando pola invención da historia, a súa imaxe, a elaboración das viñetas, ata acadar o resultado final que podemos desfrutar cando o lemos.

Simultaneamente agasallounos con dúas imaxes de personaxes do cómic feitas por el en directo perante nós.







A última parte da súa visita dedicouna a asinar un por un os nosos exemplares de MARCOPOLA, A ILLA REMEIRA, con cadansúa sinxela ilustración.