miércoles, 17 de mayo de 2017

O MAIO

No centro é habitual que a ANPA organice a elaboración dun maio, homenaxe á Natureza e o seu renacer en primavera. A orixe deste costume pérdese nos tempos, e en Galicia consérvase vivo en moitas zonas.
Este ano o alumnado de 2º, ademais de participar na elaboración material do mesmo, colaborou debuxando personalizacións alegóricas da Nai Natureza, que foron expostas xunto co maio na entrada do colexio. Deste modo traballamos plasticamente figuras de expresión que son frecuentes na literatura.
Comprendemos a similitude da Natureza como nai que nos dá a vida a todos, cos nosos pais que tamén nola dan.

En clase falamos do tema e fixemos os debuxos con moito interese, pois ían ser expostos para ser vistos polo público de dentro e fóra do colexio.




Despois axudamos a confeccionar o maio coas nosas flores.







E por último o resultado dos nosos traballos expuxéronse ao público.




DIVERTIRSE CON SESO

Dentro do programa educativo do Concello de A Coruña, os cursos de 1º e 2º participamos nesta actividade.
Desenvolveuse no mesmo colexio, en tres sesións tres días diferentes, en semanas consecutivas.
O seu obxectivo é cuestionar os papeis sociais asignados por sexo, para fomentar a igualdade en dereitos e deberes de homes e mulleres.

Na primeira sesión reinterpretáronse contos clásicos, e evidenciouse o irreal dos arquetipos que neles se transmiten:
As nenas de verdade non son tontas nin despistadas coma Carapuchiña, os nenos de verdade non son preguiceiros nin insensatos coma os Porquiños, nin as avoas indefensas, nin os lobos asasinos, nin os cazadores os que amañan todo na vida...

Na segunda sesión tratouse directamente a igualdade de responsabilidades de cara ás tarefas domésticas, coa inxustiza que supón que sexan responsabilidade exclusiva das mulleres que tamén traballan fóra da casa. Tamén se tratou a inxusta desvaloración social do traballo doméstico.

Na terceira abordouse o tema de "que desexan as mulleres?" para seren felices. O alumnado manifestou como respostas correctas cuestións socialmente asignadas ao papel feminino como esenciais (matrimonio, maternidade, beleza ). Para a súa sorpresa, a resposta correcta era "ter capacidade de decidir", co que se aborda o tema da "empoderación" da muller.

Todas as sesións constaron de contos contados por "Caxoto", un personaxe contacontos que fomentaba a participación do alumnado nas historias, e propuña actividades diversas relacionadas co tema tratado (dramatizacións, xogos, música...)

Tanto por contidos como por adaptación aos intereses dos nenos/as, a actividade foi moi interesante.





lunes, 1 de mayo de 2017

O PADRIÑO LECTOR

Dentro da celebración do Día do Libro, e por iniciativa do Equipo de Biblioteca do Centro, o alumnado de cursos superiores actuou como motivador de lectura co alumnado dos cursos inferiores. 
Este curso xa somos maiores e tocounos ser padriños lectores do alumnado de Educación Infantil de 5 anos.
Escollemos os textos que iamos lerlles aos nosos pequenos compañeiros e preparamos a lectura con interese.
O venres 21, no horario de lectura, distribuímonos ao chou para ler cadanseu conto a un compañeiro/a. Cando un "padriño" remataba o seu conto, quedaba á espera de que un "afillado" quedase libre para lerlle o seu conto, de modo que cada padriño tivo varios afillados e cada afillado varios padriños, porque o tempo permitiunolo.








A experiencia resultou tan positiva que o profesorado está a barallar a posibilidade de repetila con certa periodicidade.