jueves, 22 de diciembre de 2016

VISITA DOS REIS MAGOS

O 21 de decembro visitaron o noso colexio as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente.
Recibímolos con emoción e cariño, e algúns con algo de temor tamén, porque o saben todo e teñen poderes, e porque no fondo case non os coñecemos.

Entregámoslles as nosas cartas, recibimos os seus agasallos e ao final fixémonos esta foto con eles.


Agora a descansar nestas vacacións, e a manter a ilusión de que nos traian, entre os Reis, Papá Noel e o Apalpador, o que lles pedimos.

Os maiores tamén temos ilusións. Que se cumpran as de todos nestas festas e no vindeiro ano!

jueves, 15 de diciembre de 2016

RESULTADO DO CARTEL

Despois de debuxar e escribir, fixemos a montaxe sobre unhas caixas de luz. Escollemos unha cor laranxa moi clara porque era a que mellor resaltaba as cores de debuxos, letras e obxectos.

Contamos coa colaboración do mestre Fernando, e dun papá, Eduardo Pérez, que se encargou de facer as fotos. El mesmo vainas montar para despois envialas á Consellería de Educación.

Citamos tres obras de literatura infantil e xuvenil de Carlos Casares: O Galo de Antioquía, A Galiña Azul e a serie de relatos de Toribio, o neno inventor. A cuarta obra que aparece no cartel non está citada, pero si representada: As Laranxas máis Laranxas de tódalas Laranxas, que é unha obra de teatro moi do gusto do alumnado da clase.

Aquí amosamos o resultado cunhas fotos non elaboradas. Captan a montaxe tal e como se vía na clase.

Foto con luz natural:



Foto con efecto de luz (ambiente escurecido e caixas de luz acesas):



miércoles, 14 de diciembre de 2016

COMEZOU UN NOVO CURSO

De novo encetamos as tarefas cotiás.

Ao principio deste curso 2016-17 despedimos á profesora Bea e recibimos ao profesor Ángel, que vai impartir no noso grupo as materias de Educación Musical e Valores Cívicos e Sociais.

E case sen decatarnos de que o curso comezara participamos nunha interesante actividade:

USO RESPONSABLE  DA AUGA

Patrocinada polo Concello de A Coruña, recibimos unha charla informativa sobre a importancia da auga para a vida e a escaseza de auga potable no mundo. Como consecuencia aprendemos maneiras de usala de xeito máis racional, sen estragala, e a empregar a auga como un alimento saudable que debemos consumir periodicamente.
Información e hábitos saudables combinados para a formación integral do alumnado.



E TRABALLAMOS MÁIS E MELLOR

Porque medramos, sabemos máis e temos máis capacidade ca o curso pasado.


















ARTE AUTÓCTONO

E desfrutamos de expresións artísticas propias da nosa cultura: música e danza.

O 9 de decembro, o grupo IAR interpretou para nós varias pezas musicais. Explicáronnos detalles dalgúns instrumentos. Animáronnos a acompañar a súa música coas nosas aportacións rítmicas e cantando. E finalmente bailamos dúas pezas, como traballo de expresión corporal adaptada ao ritmo.





O XOGO COMO FONTE DE APRENDIZAXE

Somos maiores, pero non tanto como para non ser capaces de aprender xogando.

Memoria e ioga

Buscamos entre fichas con diferentes posturas de ioga dúas  iguais. Cando o conseguimos, realizamos a postura de ioga atopada e así gañamos. Traballamos a atención, a memoria visual e o control postural (coa representación mental da postura).




















Pinchos e costura

Xogos para mellorar a psicomotricidade fina, a coordinación viso-motora e o ritmo, e cunha atractiva porcentaxe de creatividade.


Bloques creativos

Bloques cos que se poden compoñer caras, formas e labirintos. Creando, traballamos conceptos espaciais.


Puzzle

Neste caso magnético. Traballamos o espazo, a atención e a psicomotricidade fina.


Construcións

Elaboración de edificios imitando modelos con dificultade crecente, e utilizando unhas pezas polivalentes coas que o reto é controlar, dentro do espazo, posicións, formas, encaixes...


Atrapabólas

Meter a bóla dentro do recipiente, empregando unha soa man. Reto de coordinación. Non é tan fácil como pode parecer!



CARTEIS DE CARLOS CASARES

A Real Academia Galega adicará o próximo día das Letras Galegas 2017 á figura de Carlos Casares. Este curso, por iniciativa do Equipo de Dinamización Lingüística do Colexio, imos participar no concurso de carteis que convoca a Consellería de Educación. Os carteis do colexio gañador serán repartidos a todos os colexios de Galicia.

Trátase de representar, en tan só dez carteis, a obra, tempo e vida do personaxe homenaxeado, mediante representacións plásticas creativas.

Ao noso curso tocoulle un cartel que presenta obras literarias de Casares escritas para nenos.

De momento iniciamos o proceso. Deseño de figuras alusivas ás obras que queremos tratar.




















Os resultados xa se verán.