martes, 26 de abril de 2016

O PADRIÑO LECTOR

O día 22 de abril participamos nesta actividade que, para todo o Centro, organizou o Equipo Docente da Biblioteca.
Consistiu en que todo o alumnado do Colexio, durante o tempo de lectura obrigatoria diario (12:00 - 12:20) e de xeito simultáneo, aínda que en diferentes espazos do edificio por razóns prácticas elementais, leu ou escoitou ler a un ou dous compañeiros/as doutro nivel algún conto libremente escollido polos lectores. Así, os que lían (alumnado de 6º a 3º) convertéronse nos "padriños lectores" dos que escoitaban (alumnado de 2º a Educación Infantil de 3 anos).
Os compañeiros maiores poñen a contribución a súa experiencia lectora en beneficio dos máis novos, e estes reciben un interesantísimo exemplo que fomenta a valoración positiva da lectura.

Aos de 1º asignóusenos o curso de 3º. Estes compañeiros maiores prepararon a conciencia os contos que nos leron, e conseguiron fixar a nosa atención nas interesantes historias que nos presentaron, resultando ser uns magníficos padriños e madriñas de lectura.








BALLET DON QUIXOTE

Como celebración do cuarto centenario do falecemento de Miguel de Cervantes, e no marco da conmemoración do Día do Libro, os cursos de 1º e 2º de EP asistimos á representación do ballet "Don Quixote".
A obra representada, que foi unha adaptación para o alumnado destas idades, presenta os amores imposibles entre Basilio e Quiteria, que sofren a oposición do pai desta. Don Quixote e Sancho non son os protagonistas, pero interveñen para favorecer que os namorados poidan levar a bon término as súas intencións, dentro do propósito de axudar aos necesitados "desfacendo entuertos", propio do idealista Fidalgo.
Aínda que reflicte algún feito da novela de Cervantes (como a loita cos muíños de vento), e recolle as personalidades de cabaleiro andante e escudeiro, é unha creación libre.

Nas magníficas instalacións do Pazo da Ópera, o alumnado desfrutou do que supuxo, para case todos eles, o seu primeiro contacto coa expresión artística da danza clásica, cunha música marabillosamente interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia.
Previamente traballouse na aula unha unidade didáctica sobre os temas (Cervantes, o Quixote, o ballet), que facilitou a comprensión e desfrute do espectáculo por parte dos nenos e nenas.
Posteriormente recolleron as súas observacións máis importantes nestes textos con debuxos.







sábado, 9 de abril de 2016

CONTACONTOS

O 5 de abril, por xentileza da Editorial Anaya, desfrutamos da actuación de Iago, un contacontos que nos fixo revivir as aventuras de "Feliz Feroz, o lobiño riquiño".
Neste conto, previamente traballado como lectura nos cursos de 1º e 2º de Primaria, coñecimos este personaxe: un lobo noviño, fillo da loba Feroz e sobriño do lobo Feroz, que non daba máis que desgustos á súa familia, xa que en lugar de facer honra ao seu temible apelido (Feroz) era do máis pacífico.
Deciden que pase as vacacións co seu experto tío, para que aprenda a ser agresivo. 

O protagonista foi interpretado por Aitor, escollido ao chou.



O encontro de tío e sobriño comeza mal, pois o cativo regálalle un debuxo que o tío (interpretado por Iago) cualifica de "paparrucha".


Cada vez que o ferocísimo tío tenta ensinarlle estratexias de ataque (comer a Carapuchiña, derrubar a casa dos Tres Porquiños, cazar coellos...), Feliz Feroz acaba amigado coas súas vítimas.



















Cando por fin tentan que se disfrace para cazar aos Sete Cabritiños, Feliz disimula as patas con fariña e a voz con ovo, pero por casualidade ovo e fariña mestúranse e aí comeza a confección dunha torta de cenoria. 

O tío próbaa con desconfianza, pero gústalle, e tío e sobriño acaban convertidos en fabricantes e vendedores de doces cun grande éxito entre todos os animais.