jueves, 22 de diciembre de 2016

VISITA DOS REIS MAGOS

O 21 de decembro visitaron o noso colexio as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente.
Recibímolos con emoción e cariño, e algúns con algo de temor tamén, porque o saben todo e teñen poderes, e porque no fondo case non os coñecemos.

Entregámoslles as nosas cartas, recibimos os seus agasallos e ao final fixémonos esta foto con eles.


Agora a descansar nestas vacacións, e a manter a ilusión de que nos traian, entre os Reis, Papá Noel e o Apalpador, o que lles pedimos.

Os maiores tamén temos ilusións. Que se cumpran as de todos nestas festas e no vindeiro ano!

jueves, 15 de diciembre de 2016

RESULTADO DO CARTEL

Despois de debuxar e escribir, fixemos a montaxe sobre unhas caixas de luz. Escollemos unha cor laranxa moi clara porque era a que mellor resaltaba as cores de debuxos, letras e obxectos.

Contamos coa colaboración do mestre Fernando, e dun papá, Eduardo Pérez, que se encargou de facer as fotos. El mesmo vainas montar para despois envialas á Consellería de Educación.

Citamos tres obras de literatura infantil e xuvenil de Carlos Casares: O Galo de Antioquía, A Galiña Azul e a serie de relatos de Toribio, o neno inventor. A cuarta obra que aparece no cartel non está citada, pero si representada: As Laranxas máis Laranxas de tódalas Laranxas, que é unha obra de teatro moi do gusto do alumnado da clase.

Aquí amosamos o resultado cunhas fotos non elaboradas. Captan a montaxe tal e como se vía na clase.

Foto con luz natural:



Foto con efecto de luz (ambiente escurecido e caixas de luz acesas):



miércoles, 14 de diciembre de 2016

COMEZOU UN NOVO CURSO

De novo encetamos as tarefas cotiás.

Ao principio deste curso 2016-17 despedimos á profesora Bea e recibimos ao profesor Ángel, que vai impartir no noso grupo as materias de Educación Musical e Valores Cívicos e Sociais.

E case sen decatarnos de que o curso comezara participamos nunha interesante actividade:

USO RESPONSABLE  DA AUGA

Patrocinada polo Concello de A Coruña, recibimos unha charla informativa sobre a importancia da auga para a vida e a escaseza de auga potable no mundo. Como consecuencia aprendemos maneiras de usala de xeito máis racional, sen estragala, e a empregar a auga como un alimento saudable que debemos consumir periodicamente.
Información e hábitos saudables combinados para a formación integral do alumnado.



E TRABALLAMOS MÁIS E MELLOR

Porque medramos, sabemos máis e temos máis capacidade ca o curso pasado.


















ARTE AUTÓCTONO

E desfrutamos de expresións artísticas propias da nosa cultura: música e danza.

O 9 de decembro, o grupo IAR interpretou para nós varias pezas musicais. Explicáronnos detalles dalgúns instrumentos. Animáronnos a acompañar a súa música coas nosas aportacións rítmicas e cantando. E finalmente bailamos dúas pezas, como traballo de expresión corporal adaptada ao ritmo.





O XOGO COMO FONTE DE APRENDIZAXE

Somos maiores, pero non tanto como para non ser capaces de aprender xogando.

Memoria e ioga

Buscamos entre fichas con diferentes posturas de ioga dúas  iguais. Cando o conseguimos, realizamos a postura de ioga atopada e así gañamos. Traballamos a atención, a memoria visual e o control postural (coa representación mental da postura).




















Pinchos e costura

Xogos para mellorar a psicomotricidade fina, a coordinación viso-motora e o ritmo, e cunha atractiva porcentaxe de creatividade.


Bloques creativos

Bloques cos que se poden compoñer caras, formas e labirintos. Creando, traballamos conceptos espaciais.


Puzzle

Neste caso magnético. Traballamos o espazo, a atención e a psicomotricidade fina.


Construcións

Elaboración de edificios imitando modelos con dificultade crecente, e utilizando unhas pezas polivalentes coas que o reto é controlar, dentro do espazo, posicións, formas, encaixes...


Atrapabólas

Meter a bóla dentro do recipiente, empregando unha soa man. Reto de coordinación. Non é tan fácil como pode parecer!



CARTEIS DE CARLOS CASARES

A Real Academia Galega adicará o próximo día das Letras Galegas 2017 á figura de Carlos Casares. Este curso, por iniciativa do Equipo de Dinamización Lingüística do Colexio, imos participar no concurso de carteis que convoca a Consellería de Educación. Os carteis do colexio gañador serán repartidos a todos os colexios de Galicia.

Trátase de representar, en tan só dez carteis, a obra, tempo e vida do personaxe homenaxeado, mediante representacións plásticas creativas.

Ao noso curso tocoulle un cartel que presenta obras literarias de Casares escritas para nenos.

De momento iniciamos o proceso. Deseño de figuras alusivas ás obras que queremos tratar.




















Os resultados xa se verán.

jueves, 23 de junio de 2016

FELICES VACACIÓNS

Curso acabado con éxito!
Misión cumprida por parte de alumnado, familias e docentes.

Agora, a desfrutar do merecido descanso. Descanso para repor forzas, para facer coa familia e amigos o que non se pode facer facilmente no curso,  para seguir aprendendo do que nos rodea, para enriquecerse como persoas mediante o contacto estreito e continuado cos seres máis queridos.

Así faremos deste tempo imprescindíbel de parón escolar un tempo utilísimo na educación dos pequenos e pequenas, que é unha tarefa que cambia de método pero non se interrompe nin acaba nunca.
XARDÍN

Na aula cultivamos plantas e valorámolas como seres vivos, necesitados de terra, auga, aire e luz, observamos os fototropismos, diferentes formas de reprodución das mesmas (gallo, xemación de folla, floración, bulbos con hibernación, sementes) e a xerminación de lentellas. A este rincón da aula o alumnado chamoulle de xeito espontáneo "o xardín".



PROXECTO "ANIMAIS EN PERIGO DE EXTINCIÓN"

Reforzando a estratexia de aprendizaxe xa traballada, consistente na procura de información na Internet e a súa xestión, confeccionamos un mural coas principais características de especies animais da xeografía española en perigo de extinción, fixándonos nas principais causas que provocaron esta situación e en como evitalas. Deste modo concienciámonos da importancia de protexer estes animais para fomentar o respecto pola biodiversidade.



OLEIRO

O pasado 20 de xuño recibimos no Centro a visita dun oleiro de Buño. Explicou brevemente a preparación do barro e das pinturas empregadas para a súa decoración, e co seu tradicional torno de pé fixo unha cumprida demostración da antiga técnica dos alfaremes.
















A continuación cada alumno/a tomou contacto cun anaco de barro, co que modelou recipientes e figuras manualmente ou usando moldes.




















Mesmo houbo a oportunidade de que algúns probasen a traballar no torno.



A experiencia foi moi enriquecedora, pois aprenderon observando e por experimentación directa, e así tomaron contacto cun oficio artesán tradicional.

jueves, 12 de mayo de 2016

O MAIO


O día 4 de maio a ANPA organizou a elaboración dun maio, coa axuda do alumnado de Educación Infantil e 1º e 2º de Educación Primaria.
Esta fermosa tradición galega, con orixe no máis lonxano dos tempos, pretende celebrar a primavera e os seus beneficios, a explosión da vida que sucede ao triste e improdutivo inverno, e todo cun claro sentir de festa.

Preparados todos, con cadansúa flor, despois de cortarlles o talo.
















En plena faena.




O resultado do noso traballo.


martes, 26 de abril de 2016

O PADRIÑO LECTOR

O día 22 de abril participamos nesta actividade que, para todo o Centro, organizou o Equipo Docente da Biblioteca.
Consistiu en que todo o alumnado do Colexio, durante o tempo de lectura obrigatoria diario (12:00 - 12:20) e de xeito simultáneo, aínda que en diferentes espazos do edificio por razóns prácticas elementais, leu ou escoitou ler a un ou dous compañeiros/as doutro nivel algún conto libremente escollido polos lectores. Así, os que lían (alumnado de 6º a 3º) convertéronse nos "padriños lectores" dos que escoitaban (alumnado de 2º a Educación Infantil de 3 anos).
Os compañeiros maiores poñen a contribución a súa experiencia lectora en beneficio dos máis novos, e estes reciben un interesantísimo exemplo que fomenta a valoración positiva da lectura.

Aos de 1º asignóusenos o curso de 3º. Estes compañeiros maiores prepararon a conciencia os contos que nos leron, e conseguiron fixar a nosa atención nas interesantes historias que nos presentaron, resultando ser uns magníficos padriños e madriñas de lectura.