domingo, 31 de enero de 2016

DANZATERAPIA

O luns, día 18 de xaneiro, asistimos a unha sesión de danzaterapia no Centro, impartida por monitores especializados, á que foron invitados representantes da ANPA por se poidese ser do interese das familias para ofertala como actividade polas tardes.

Esta disciplina consiste esencialmente en fomentar a expresión a través do movemento libre con apoio da música. Desta forma as persoas (sen limitación de idade) favorecen a súa autoestima, capacidade de relación social, manifestación do seu "ego" ...

A sesión comezou cun quecemento físico suave:






Seguidamente traballouse en círculos concéntricos, fomentando a interacción entre os membros dos diferentes círculos e cambiando as parellas con frecuencia:



Os círculos fixéronse cada vez máis amplos, e as interrelacións foron aumentando e variando:



A continuación realizouse un traballo cooperativo, consistente en estirar, elevar e baixar unha tea entre todos/as:


Engadiuse á tarefa unha complicación: había que mover enriba da tea unha pelota evitando que caese ao chan:



Por último entre todos recolleuse a tea, facendo que a pelota quedase dentro:





Xa como remate produciuse unha relaxación paulatina para dar final á actividade en unión e descanso.
















A experiencia foi pedagoxicamente moi interesante.
TRABALLAMOS O PASO DO TEMPO

Ao inicio de cada xornada representamos, mediante pictogramas, as tarefas que imos realizar no día, secuenciadas segundo os periodos lectivos do horario.
Con esta actividade pretendemos contribuír á estruturación do tempo na mente do alumnado, empregando como identificadores do seu paso as propias tarefas que realizamos. O carácter cíclico do mesmo queda marcado pola repetición de tempos habituais (entrada, recreo, lectura, saída), marcando as diferenzas de cada día da semana (tamén cíclicos) e resaltando as diferenzas ocasionais (saídas educativas, actividades comúns do Centro, actividades extraordinarias), pero enmarcadas dentro do tempo lectivo en que se producen, con especial atención a conceptos como "antes de..." e "despois de..."



A frecha movémola ao inicio de cada periodo lectivo, para sinalar en cal nos atopamos.

Esta actividade compleméntase co traballo do coñecemento do reloxo de agullas, presente na aula.
E tamén co uso da axenda escolar, que, unha vez controlados a ortografía natural, a numeración imprescindíbel e o paso do tempo, permítenos por fin transmitir recados de e para alumnado, mestres e familias, sempre con relación á data correspondente.

Para completar este traballo introduciremos a rutina de marcar, cada día, a data no calendario convencional, e expoñela nun calendario de aula a base de letreiros identificadores de días da semana, días do mes, mes do ano e estación na que nos atopemos. Isto farémolo a partir de agora, porque xa somos quen de ler as palabras e os números, diferenciando a cifra das unidades e a das decenas.
INTELIXENCIA EMOCIONAL

As emocións son unha parte esencial da mente humana e condicionan todo o noso proceso vital.
Por iso identificalas e cultivalas no periodo de formación é importantísimo para o correcto e completo desenvolvemento do ser humano.
Partindo dun libro sinxelo e moi interesante (El monstruo de colores),  lido no tempo de lectura, pasamos a unha actividade, duradeira no tempo, que está enfocada á identificación das principais emocións que podemos sentir.
Cada alumno/a do grupo dispón de sete "monstros", elaborados por eles mesmos, que representan diferentes emocións segundo un código de cores que aportaba o libro citado. Así:
Monstro verde: estou tranquilo/a.
Monstro amarelo: estou ledo/a.
Monstro azul: estou triste.
Monstro vermello: estou rabioso/a.
Monstro negro: estou asustado/a.
Monstro rosa: estou namorado/a.
Monstro de moitas cores: estou feito/a un lío.


Ao inicio da xornada todos poñen na súa mesa o monstro que reflicte o seu estado de ánimo. Cada vez que cambia a clase, cada quen revisa se debe cambiar o monstro da mesa. Tamén o fai en calquera outro momento se hai un cambio nas súas emocións que o xustifique.

















As conversas que mantemos, expondo como nos atopamos emocionalmente e o seu motivo, permiten que o alumnado as identifique, as verbalice exteriorizándoas e que entenda que os demais tamén teñen emocións que todos debemos respectar. 
En moitos casos isto serve para a resolución de conflitos entre compañeiros/as.

Pouco e pouco imos introducindo cuestións máis prácticas, como valorar se as razóns que nos provocan unha determinada emoción son ou non motivo dabondo para sentirmos esa emoción. 
E nun terceiro paso intentamos potenciar o positivo das emoción e buscar solucións ás  negativas, tanto propias coma alleas, sempre dende o respecto á vontade e decisións persoais.

Neste sentido asistimos o luns, día 25 de xaneiro, a unha representación teatral á que nos invitaron os compañeiros/as de 4º, dentro das celebracións do Día da Paz, titulada "Emocións", nas que se nos deron ideas moi útiles para controlar os nosos impulsos, tirando partido deles.

domingo, 17 de enero de 2016

MEDIIO AMBIENTE E ECOLOXÍA

O Concello de A Coruña pon a disposición de alumnado e docentes unha actividade moi interesante referida a estes temas.
Centrada en REDUCIR, REUTILIZAR E RECICLAR, unhas monitoras dedicáronnos aos grupos de 1º e 2º tres sesións para informar e concienciar da importancia destas tres actitudes cara aos residuos.

Na primeira (11/01/2016) contáronnos un conto con apoio visual sobre Plumazul, bolígrafo botado ao lixo que, xunto con outros compañeiros de infortunio (lata de refresco, anaco de papel, botella de vidro, pila ...) conseguirá unha segunda vida mediante a reutilización ou o reciclado.





Na segunda (tamén o 11/01/2016) participamos nun interesante obradoiro de reutilización: con tubos de cartón dos rolos de papel hixiénico, dous tapóns de botella de plástico, uns anacos de corda, papel e uns paus, construímos unhas marionetas.

Este era o modelo e o plan de traballo:
















Mans á obra!





















E obtivemos resultados coma estes:





Os fíos e os paus, de tarefa para a casa.

Na terceira (15/01/2016) visitamos o punto limpo de Eirís. Observamos diferentes residuos que por toxicidade ou por volume deben ser levados alí, explicáronnos que se fai despois con eles, entendemos por que uns residuos gárdanse a cuberto e outros non, a razón dos colectores de cada material, a súa disposición no recinto para facilitar o transporte...
E participamos activamente levando algúns residuos que tiñamos nas nosas casas e no colexio.
























Todo este traballo completarase con lecturas na aula relacionadas co tema.
E CHEGOU O NADAL

Traballando, traballando, chegamos ao Nadal.
Antes das vacacións, actividades diferentes:

Actuación do grupo IAR

Música tradicional galega para deleite de todos.




Actuación do Mago Benxamín

Por xentileza da ANPA, a actuación do Mago Benxamín fixo o deleite do público. A ilusión dunha realidade imposíbel, desafiando os máis elementais principios da física, diante de nós!















Carta aos Reis Magos, visita das Súas Maxestades, decoración do colexio e da aula ... Ilusións en espera do descanso e os regalos.