lunes, 23 de febrero de 2015

Un curso máis, remate do 1º Ciclo, amosamos no blog algunhas das actividades realizadas polo alumnado de 2º de EP. Todas son interesantes, pero ningunha substitúe o traballo diario, menos espectacular pero esencial para a aprendizaxe.

CÁGADOS

No primeiro trimestre coidamos na clase uns cágados, nos que observamos a metamorfose que os leva a transformárense en ras. Estes animais, anfibios, supuxeron unha ampliación do currículo establecido, xa que o marcado para este curso referido aos vertebrados era peixes, aves e mamíferos.





Nun primeiro momento alimentámolos con follas de leituga e coas substancias nutritivas da auga.

Despois experimentamos desclorando a auga da billa para cambiala, e alimentámolos con alimento específico para eles adquirido nunha tenda especializada.




Por fin observamos, ademais do aumento de tamaño, o cambio da forma do corpo e o nacemento das patas de atrás.







Estando nestas, chegaron as vacacións de Nadal. Para poder observar o resto do proceso, os pais da alumna que os aportaran fixéronse cargo deles, e retratáronos así, coas patas de diante xa nacidas:














Debido a causas descoñecidas, a metade deles morreron, polo que foi imprescindible ceibalos nun ambiente natural adecuado antes de perderen a cola, feito que suporía a fin do proceso.


Xa no segundo trimestre, como continuación desta actividade, confeccionamos un mural sobre ras e sapos. Nun primeiro momento obtivemos información de diferentes páxinas na Internet.


Máis tarde, unha vez seleccionada e estruturada esta información, pasámola a limpo, confeccionamos os letreiros, aportamos fotos diversas e elaboramos con todo isto o mural.


SEGURIDADE VIAL

Por acordo do Claustro de Mestres, este curso traballouse o tema da Seguridade Vial nas diferentes aulas. A clase de 2º participou nun programa do Concello de A Coruña relativo a este tema. Realizouse un circuito con diferentes sinais horizontais e verticais, coches e peóns, e aprendéronse varias cancións referidas a temas diversos de seguridade vial, que tivemos ocasión de cantar nun concerto celebrado no propio centro.





NADAL

Mesmo antes das vacacións de Nadal recibimos con moita ilusión a visita dos Reis Magos, desfrutamos dunha marabillosa actuación de maxia financiada pola ANPA e asistimos á entrega dos premios do concurso de beléns levado a cabo pola mestra de Relixión.









DÍA DA PAZ

O 30 de xaneiro celebrouse no Centro o Día da Paz, con traballo nas aulas e unha actuación conxunta na que o alumnado, por niveis, elaborou  debuxos alusivos á paz cos que se decoraron as letras da palabra PAZ. Como remate do acto, cantouse unha canción en inglés.





ALLOS

A principio de curso unha alumna aportou uns dentes de allo xerminados que plantamos en clase. Non se lograron completamente, pero observamos as súas raíces e elaboramos un novo mural no que o propio alumnado foi o encargado de repetir, de xeito autónomo, o proceso do anterior mural. O resultado foi moi positivo, aínda que non foron quen de seleccionar as informacións obtidas, o que é normal en alumnado desta idade.




Ao final recapitulamos as fases do proceso a modo de instrucións e avaliamos o resultado, tirando as conclusións oportunas para mellorar en vindeiras ocasións.

EXPERIMENTO: A CIRCULACIÓN NAS PLANTAS

A proposta de Lucía, a mestra de prácticas que traballa na nosa aula esta tempada, realizamos unha experiencia para demostrar que as plantas, como seres vivos que son, teñen un sistema circulatorio que lles permite distribuír as substancias que toman polas raíces a través do talo ata as follas para fabricaren alí o seu alimento.
Partimos de tres caraveis brancos que puxemos en recipientes con auga tinxida. Formulamos hipóteses, observamos o resultado e tiramos a conclusión acertada.

Catro imaxes do proceso:






Máis en detalle:




Para verificar por onde pasou a auga tinxida, observamos talos e sépalos:



Como segunda parte deste experimento, repetímolo con outros tres caraveis brancos, pero cambiándoos de recipiente a medio tinxir. Formulamos hipóteses, observamos e tiramos a conclusión oportuna: as flores non se tinxiron por partes, senón que se mesturaron as cores obtendo un caravel laranxa, outro morado e outro verde.




VISITA AO MUNCYT


O 11 de febreiro visitamos o MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia Y Tecnología).
A experiencia foi interesantísima. O alumnado tomou contacto con logros tecnolóxicos actuais (robots, aeronáutica) e co proceso evolutivo da ciencia e a tecnoloxía (automóbil, radio, televior, xoguetes doutros tempos).
Finalmente participaron nun obradoiro no que elaboraron un sixelo helicóptero de papel cada un, coa oportunidade de comprobar o seu funcionamento.