sábado, 20 de febrero de 2016

FUNDACIÓN BARRIÉ
EXPOSICIÓN DA OBRA DO ARQUITECTO MANUEL GALLEGO

O venres 19 de febreiro asistimos, cos compañeiros de 2º, a unha exposición da obra do arquitecto Manuel Gallego, na sede da Fundación Barrié, sita no Cantón Grande.

A explotación didáctica da mesma estaba centrada na relación entre a casa e a súa contorna natural, facendo especial fincapé nas solucións que este arquitecto dá nas súas obras á oposición entre esixencias do confort e harmonía co ambiente.

No momento de chegar informouse ao alumnado de cal é o traballo dun arquitecto, do que iamos ver e facer na visita e das condicións da mesma, advertindo da fraxilidade das maquetas.


A partir dese momento pasamos visita á exposición, separando os grupos de 1º e 2º para enfocar as explicacións de diferente xeito segundo os intereses e capacidades do alumnado.

O grupo de 1º pasou a estudar como proxectou Manuel Gallego varias casas unifamiliares en diferentes ubicacións. Os seus principios básicos son:

-Respectar a harmonía coa contorna natural e histórica, tanto nos materiais empregados (pedra de cor semellante aos troncos das árbores circundantes), como na forma dalgunhas solucións (muros para protección dos ventos imitando os existentes noutras construcións tradicionais da zona).

-Adecuación ás características climáticas, adaptando a casa ás condicións do relevo, ventos e humidades do lugar para non perder confort.

-Grande interese pola luz e as vistas, con grandes xanelas e mamparas de vidro, ou deseñando miradoiros elevados sobre a habitual planta baixa do edificio.

-Desexo de incluír a Natureza na casa, permitindo en recintos semiabertos a entrada da vexetación silvestre (hedras) e cultivada (parras).


As explicacións, a cargo dun preparado monitor, foron acompañadas con mapas, maquetas e fotografías moi ilustrativas.























Preguntas ao alumnado e deste cara ao monitor foron aclarando dúbidas e mantendo en todo momento a atención.

Coñecemos as principais diferenzas entre un edificio para vivenda e outro de uso público. Dentro destes observamos a ampliación do que dá acobillo ao Museo das Peregrinacións, en Compostela.


A continuación pasamos a outra dependencia na que nos reunimos cos compañeiros/as de 2º, para iniciar a segunda parte da nosa visita: un obradoiro.

Dixéronnos cal sería o traballo que se esperaba de nós e as condicións para levalo a cabo.



O traballo consistía en construír, cos materiais que nos facilitaban (pranchas grosas de poliexpandido, moqueta de céspede, pedras de diferentes tipos e tamaños, follas) relevos e construcións que aproveitasen as características deses relevos. Debiamos facelo divididos en oito equipos, e intentando unir finalmente dalgún xeito (camiños, pontes...) as creacións de todos os equipos.

O reto era moi interesante, unha pola dificultade de moitos destes alumnos/as para estruturar un traballo en equipo de cara a un fin fixado, e outra porque implicaba manipular os volumes.


E mans á obra!

















Continuamos familiarizándonos cos materiais e buscando consensos sobre as posibilidades.





E pouco e pouco a obra foi tomando forma.










Os resultados foron todo o perfectos que cabía esperar.



Despois cada equipo explicou en que consistían as súas construcións, que pretenderon ao facelas, como podían pasar dunhas a outras, onde situaran as casas e por que...

Como remate de calquera tarefa, recollemos todo o material para deixalo ordenado tal e como o atopamos.


Tanto o contido da exposición, ampliando o habitual tratamento que se dá nos temarios á casa onde vivimos, como o obradoiro de traballo cooperativo creativo e con volumes, fixeron desta saída educativa unha experiencia moi enriquecedora.

domingo, 14 de febrero de 2016

TALENTO 3.0

O noso Centro foi un dos poucos escollidos de Galicia para participar nun programa educativo auspiciado polo CEFORE (Centro de Formación e Recursos da Consellaría de Educación) e a Fundación Barrié.
O programa, chamado Talento 3.0, pretende facilitar o proceso formativo de todo o alumnado con especiais "talentos" ou capacidades, enriquecendo o currículo con actividades de diversificación e profundización.

No nivel de 1º de Primaria aproximámonos a esta metodoloxía cunha actividade na que traballamos competencias relacionadas coas TIC,s (Informática), xestión da información, linguaxe escrita, linguaxe oral (exposición) e representacións plásticas.

Comezou a actividade, enmarcada dentro do tema correspondente de Ciencias da Natureza, por recoller información na Internet relativa a "Curiosidades de animais": navegación dirixida e copiado das informacións voluntariamente seleccionadas pos cada alumno/a.


Rematado este proceso, pasamos a debuxar os animais aludidos na información seleccionada, e escribir en limpo e de xeito ordenado as informacións obtidas. Para esta fase da actividade traballamos en equipo.

A continuación pasamos a unha exposición oral, co soporte visual do escrito e debuxado, aos demais compañeiros/as da clase.




Por último, colgamos no taboleiro as informacións a modo de mural que pode ser consultado por todos.


A actividade reportou unha gran satisfacción aos que a levaron a cabo como autores, e tamén aos que recibiron as informacións de mans dos seus compañeiros/as. O enriquecemento non é só persoal, senón que todos podemos enriquecer e resultar enriquecidos co traballo dos demais.
DÍA DA PAZ


A semana previa ao sábado 30 de xaneiro, o Colexio conmemorou o Día Mundial da Paz.

Este ano traballamos como fío condutor a historia de Sadako, nena xaponesa afectada pola chuvia radiactiva que seguíu ao bombardeo atómico de Hiroshima. Tiña tres anos naquel momento, e cando fixo doce padeceu leucemia, o chamado "mal da bomba". Estando encamada pola falta de forzas, unha amiga recordoulle unha lenda xaponesa que asegura a concesión dun desexo por parte dos deuses a quen constrúa mil grúas de papel, como premio ao seu esforzo e perseverancia. Sadako afrontou ilusionada a tarefa para conseguir o premio de volver andar, pero a morte chegoulle cando levaba feitas algo máis de seiscentas. Os seus amigos completaron as mil grúas, e solicitaron a construción dun monumento a ela en Hiroshima. Este lugar converteuse nun clamor universal contra a guerra, e de todas partes do mundo recíbense grúas de papel para adornar o monumento. Dende entón a grúa simboliza a paz en Xapón.



O alumnado do Centro construíu grúas de papel que foron colgadas no recibidor. Os nenos e nenas de 1º, dada a dificultade da tarefa, debuxáronas.



O venres, día 29, participamos no acto do Centro, no que se elaborou un mural coa palabra PAZ composta a modo de puzle con pezas previamente decoradas polas diferentes clases.















Para rematar todos cantamos a canción "Bajo el mismo Sol", amenizada por dúas alumnas de 3º que interpretaron unha coreografía con moito éxito.



Foi unha semana de intenso traballo que nos valeu a todos para reflexionar sobre a necesidade de resolver calquera conflito de xeito pacífico.


VISITA AO MUSEO DE BELAS ARTES

O venres día 5 de febreiro acudimos ao Museo de Belas Artes, dentro do programa educativo do Concello de A Coruña.
Vimos diferentes retratos, correspondentes a distintas épocas e estilos. Contextualizando cada un dos cadros que analizamos, fomos entendendo diferentes formas de representar a figura humana, unhas distantes de nós no tempo e outras máis cercanas; algunhas con carácter realista e outras máis fantásticas ou satíricas (caricaturas); unhas nas que a persoa retratada era claramente identificábel e outras nas que era anónima. Pero en todos os retratos figura a intención do artista de transmitir unha emoción.




















Para favorecer a contextualización dalgúns retratos observamos pezas de séculos pasados como moedas, útiles de escritura, abanos...



Partindo dun retrato dos vistos pasamos a un obradoiro no que o alumnado debía expresar, de forma plástica, diferentes emocións en catro personaxes. Esta actividade enlazou claramente co traballo sobre intelixencia emocional que vimos desenvolvendo en clase.