sábado, 18 de febrero de 2017

O CICLO DA AUGA

Este curso estudamos o Ciclo da Auga, reforzando e ampliando os primeiros contactos con este tema, que tiveron lugar o curso pasado.

Ademais de traballar o Ciclo como tal, fixámonos noutras cuestións como a auga potable e non potable, a necesidade da súa conservación e aproveitamento, a evaporación da auga do mar como paso esencial no mantemento do Ciclo da Auga, os cambios de estado da auga e a súa importancia no tempo atmosférico.

Para achegarnos á realidade, facendo unha observación controlada, levamos a cabo un experimento na aula:

En primeiro lugar fixemos unha disolución non saturada de sal en auga. Traballamos conceptos como disolvente e soluto, observando que, aínda que o sal seguía estando na auga despois de disolverse, non podiamos velo.

A continuación deixamos a auga salgada nun prato (para favorecer a evaporación mediante unha ampla superficie de contacto co aire) durante varios días, e aí tivo lugar o achegamento á investigación científica:

- Formulamos hipóteses:   -Non vai pasar nada.
                                        -O sal vai desaparecer.
                                        -A auga vaise conxelar...

- Observación paciente do proceso:  Cada día o alumnado miraba con curiosidade os cambios no experimento, e íanlle buscando algunha explicación ao observado. Así, cando de pronto apareceu sal cristalizado nas beiras do prato (unha vez evaporada a primeira cantidade de auga), a opinión xeral era que estaba apaecendo xeo. Teñamos en conta que non se podía tocar nada do que había na mesa de experimentación, polo que unicamente usaban o sentido da vista (e algúns o do olfacto) para a análise dos feitos.


-Ao aparecer as figuras prismáticas na auga, uns pensaban que non sabían o que estaba pasando, pero outros mantíñanse en que se trataba de xeo.

-Cando apareceron máis puntos sólidos no centro do prato, a meirande parte do alumnado empezou a opinar que se trataba de sal, pero que os prismas grandes eran xeo.


Por fin, despois de máis de quince días, a auga desapareceu por completo a xa todos vían claro que a auga se evaporara, e que o que había no centro do prato era sal.

Permiso para tocar e dous grandes descubrimentos:
- O QUE ESTÁ NAS BEIRAS DO PRATO ESTÁ DURO E PEGADO, E TAMÉN É SAL
- OS PRISMAS DESPÉGANSE FACILMENTE PERO NON ESTÁN FRÍOS, NON SON XEO, SON TAMÉN SALGADOS.

Conclusión: A auga evaporouse e agora está no aire da clase!!!, e o sal reapareceu unha vez desaparecida a disolución, pero cristalizado!!!

A partir de aquí investigación en Internet: - auga na Natureza en Galiza
                                                               - as salinas
                                                               - o sal

E froito dese traballo foi este mural feito por toda a clase.