jueves, 30 de marzo de 2017

VISITA AO MUNCYT

O día 22 de marzo visitamos o MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia y Tecnología).

Ao chegarmos pasamos directamente a unha ampla e luminosa sala onde levamos a cabo un obradoiro, consistente na confección duns helicópteros de papel. Decoramos, recortamos, dobramos e situamos un clip na base como contrapeso. O Museo facilitounos os materiais.

Os helicópteros non se asemellan aos de verdade na súa forma, pero si na súa maneira de desprazarse, iso si, sempre de riba a abaixo.

Este voo dos artefactos tivo lugar nun espazo moi axeitado, que comunica varias plantas do museo no seu interior. Deixamos caer os nosos helicópteros á vista dos compañeiros de 1º curso, que tamén desfrutaron da mesma saída educativa.




Acabada esta experiencia iniciamos a verdadeira visita aos fondos museísticos. 

O primeiro tema co que nos atopamos foi a aeronáutica: contacto co tamaño e materiais de construción dun enorme avión dos anos 80 do século XX. Comezamos con explicacións teóricas ás que estivemos moi atentos.


Observamos o impresionante tamaño da punta da á que se conserva no MUNCYT, e imaxinamos o da totalidade da mesma, pintada en parte na parede. E tamén o enorme volume dun dos catro motores da aeronave.


































Seguidamente presentáronnos as caixas negras do avión, a súa utilidade e as funcións de cada unha das dúas que tiña.
















E observamos os diferentes tipos de asentos que tiña o avión, formulándonos o reto de saber cal deles era o do piloto. A dúbida resolvémola máis adiante por simple observación.



A continuación tivemos ocasión de manipular  materiais que formaban parte de diferentes partes do avión (interior das ás, ventás, asentos...). Algúns eran realmente sorprendentes!

E tamén observamos unha maqueta do que foi esta enorme obra da enxeñería aeronáutica.


Despois veu unha das partes máis impactantes da visita: ver, tocar e montar na enorme proa do avión, chamado Lope de Vega, e no que foi trasladado a España dende EEUU o cadro "Guernica" de Pablo Picasso.




Na zona dos "pasaxeiros millonarios".


Na cabina. Aquí identificamos o asento do piloto. E vimos cableado, materiais interiores das paredes ...



Despois pasamos a unha sala na que desfrutamos de dous robots antropomorfos, que interactuaron un co outro e tamén con nós. Ao final explicáronnos como era que podían saber cousas do noso barrio e colexio: manexo dos mesmos mediante un ordenador a distancia.


Visitamos despois diferentes salas continuas, con pezas de reloxos, carruaxes, locomotoras e coches antigos, unha computadora de mediados do século pasado, o antigo faro da Torre de Hércules, unha pianola, antigos proxectores e anacos de películas, algunha de debuxos animados cos seus múltiples fotogramas...









Para rematar esta interesantísima visita situámonos na parte baixa dese espazo que comunica plantas dentro do edificio do Museo, e alí desfrutamos da baixada dos helicópteros dos nosos compañeiros de 1º, que agora os deixaban caer para velos nós.



Xa de volta na clase debuxamos o que mellor nos gustara da visita. Vedes que os gañadores indiscutibles foron o avión e mais os robots, aínda que algunhas outras cousas  tamén tiveron os seus admiradores.









PAISAXES

Como aproximación aos primeiros conceptos xeográficos estudamos o relevo.

Para partir do que o alumnado percibe de xeito directo, facémolo a partir das paisaxes.

E dentro destas facemos unha clasificación sinxela:

   - Paisaxes de interior: poden ser de chaira ou de montaña.

   - Paisaxes de costa.

Despois de ter confeccionado diferentes murais, esta vez fixéronnos eles sós, asumindo a rotulación dos títulos (estilo, tamaño, cor...), as imaxes de cada tipo de paisaxe que desexaban incluír ou excluír, e finalmente a distribución das imaxes seleccionadas no espazo dispoñible.

Os resultados foron moi satisfactorios.




TRABALLAMOS A SIMETRÍA

O concepto xeométrico de "simetría" é fácil de vivenciar para o alumnado de 2º partindo do propio corpo: as nosas dúas mans non son iguais, senón simétricas. 

Visto isto, a atención pasa á liña recta pola que, mediante un xiro de 180 graos, facemos que unha figura coincida coa súa simétrica, por exemplo a man dereita coa esquerda. Esa liña é o eixe de simetría.

Asentadas estas aprendizaxes introducimos a variante da simetría entre dúas metades dun mesmo obxecto. Cun folio encartado pola metade recortamos unha figura aleatoria que, ao desencartar o folio, dá lugar a unha nova figura (en oco) con dúas metades simétricas. Os eixes de simetría destacámolos coa cor vermella.

Xeometría e xogo indo da man!






viernes, 10 de marzo de 2017

SEMANA DA PRENSA

Seguindo as indicacións do Equipo de Biblioteca, durante a semana da prensa (6 a 10 de marzo) buscamos noticias positivas en diferentes xornais. 
Unha vez atopadas copiamos os titulares e, de ser preciso para mellorar a súa comprensión, un breve resumo do que se contaba.
De todos modos a noticia positiva estrela nesta semana foi a publicada pola Voz de Galicia o martes, día 7 de marzo, na que se daba conta do premio dos carteis de Carlos Casares obtido polo noso colexio. Por iso é a que ocupa o centro do mural que confeccionamos con todas as noticias positivas escollidas polo alumnado de 2º e que aquí vedes:


domingo, 5 de marzo de 2017

PREMIO!!!

O CEIPP "Anxo da Garda" acaba de ser premiado polo seu traballo de elaboración de carteis para a celebración do Día das Letras Galegas 2017.

Neste blog recolleuse o cartel realizado polo alumnado de 2º EP. 

Hoxe celebramos o éxito do Colexio no seu conxunto! 

Dez carteis de confección infantil que fan un percorrido pola obra de Carlos Casares, empregando a caixa de luz como soporte e as novas tecnoloxías (códigos QR), o que fai que este traballo  fose considerado pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellaría de Educación como merecedor do premio pola súa innovación, calidade artística e grao de implicación do espectador na recepción da información transmitida..

Este premio aporta, ademais de 2000 € para o Colexio e recoñecemento de méritos para o profesorado participante, o feito de seren os dez carteis oficiais para a celebración da homenaxe a Carlos Casares que  a Consellaría distribuirá aos centros de ensino de Infantil e Primaria de Galicia, aos centros culturais galegos de Galicia, España e o estranxeiro, e a empresas e comercios que colaboran con esta iniciativa da Xunta (máis de 2000 puntos de distribución).

Noraboa a todos os participantes e colaboradores.

BEN POR NÓS!
EGAGRÓPILAS


O tema de Ciencias da Natureza adicado aos animais divídese en vertebrados e invertebrados. 

Para rematar a parte dos vertebrados convertemos a clase nun laboratorio. A clave para entrar nese laboratorio era a palabra "EGAGRÓPILA", de modo que quen non a soubese dicir non podía entrar nel. Tras o correspondente esforzo, entramos todos grazas a saber a clave.

Motivo da clave: o traballo no laboratorio era estudar egagrópilas. Son formacións que producen algunhas aves que, ao enguliren enteiras as súas presas, teñen grandes dificultades para proceder á dixestión das mesmas. Por iso, despois de aproveitar no papo as substancias máis facilmente dixeribles, regurxitan o resto de substancias nunha masa compacta que recibe o nome de egagrópila. É frecuente en especies como curuxas, bufos, mouchos, voitres...

Ao analizar o contido da egagrópila, sábese que comeu a ave.

Por razóns hixiénicas e prácticas (fraxilidade do que as egagrópilas conteñen), a manipulación das mesmas realiceina eu. O alumnado observou e concluíu.

Instrumental empregado.
Primeiros restos extraídos: pelo.
Aparecen osiños, entre eles os  dunha cabeza!
As mandíbulas teñen grandes dentes incisivos: roedor.
Restos da parte superior do cranio: ósos planos.
E seguen aparecendo ósos delgados e pequenos: a presa era un rato!

A continuación fomos á aula de informática á procura de información sobre as egagrópilas.

Compartimos a experiencia con compañeiros doutro curso (3º).

Vimos vídeos sobre as curuxas (as egagrópilas estudadas eran de curuxa).

Estou seguro de que nos quedaron gañas de repetir.

CONCERTO

O día 22 de febreiro asistimos a un concerto da Orquestra Sinfónica no Pazo da Ópera, auspiciado polo Concello de A Coruña.

O título era "Historias do Mar". Un vello mariñeiro contaba a súa vida dende a infancia, describía verbalmente diferentes estados do mar (calmo, picado, en tormenta...) que seguidamente eran interpretados pola orquestra mediante fermosas pezas breves, das que se explicaban o autor e a obra á que cada unha pertencía.
Falou de máis historias: monstros mariños, o Holandés Errante... De cada narración a orquestra interpretaba unha peza musical.


O programa, facilitado ao Centro, foi previamente traballado nas clases de Música.


Entrada no Pazo da Ópera. Sorpresa maiúscula ao vérense reflectidos nos espellos superiores da fachada.



Xa acomodados nas nosas localidades, antes de iniciarse o concerto.



A orquestra afinando, inmediatamente antes do comezo da función.



















A partir de aquí as fotos e gravacións están prohibidas!

A pesar da seriedade do concerto, a manifestación xeral ao chegarmos á clase foi que á maioría do alumnado lle gustara moito. Así que podemos consideralo un éxito!


DÍA DA PAZ

O 30 de xaneiro, Día Mundial da Paz, participamos no acto colectivo que celebrou todo o Colexio co obxectivo de valorar a paz como unha actitude positiva nas relacións humanas.
Tivo lugar no patio cuberto. Consistíu nun baile a base de rodas nas que o alumnado collíase das mans e escenificaba apertas, todo ao ritmo da canción de "Don Melitón", previamente ensaiada por Ángel, o profesor de Educación Musical.

A música, con apoio da megafonía, foi interpretada por alumnado de 6º de EP.





Acto breve, pero cargado de significado para todos.