viernes, 23 de junio de 2017

CONTO DO ROBOT CON ABRIGO

Por casualidades que ocorren ás veces, chegou ás mans dun alumno de 2º un marcapáxinas moi especial. Fora feito por un alumno de 4 anos do CEIP de Cervo (Lugo). Era parte dunha interesante actividade daquel Colexio con motivo do Día das Letras Galegas, que consiste na elaboración de marcapáxinas numerados que se distribúen como pezas únicas, recordando as pezas da cerámica de Sargadelos, propia daquela zona.
O que chegou ata nós estaba feito por Samuel, e representaba un robot con abrigo, coa lenda "O ROBOT CON ABRIGO É O NOSO AMIGO".
Como o marcapáxinas viña acompañado por unha etiqueta na que se explicaba o sentido da actividade, e nela se invitaba ao receptor do marcapáxinas a poñerse en contacto co Colexio por correo electrónico, co compromiso de devolver resposta, decidimos poñernos mans á obra.
Comunicámonos con eles empregando as novas tecnoloxías, e recibimos unha afectuosa comunicación do Director do Centro agradecendo o noso xesto, e gratamente sorprendido porque o marcapáxinas chegase tan lonxe.
Recordámoslles que eles tamén tiñan un traballo noso: o cartel nº8 dos premiados e distribuídos pola Consellaría a todos os Colexios de Galicia, homenaxeando a Carlos Casares. E déronnos os seus parabéns polo noso bo facer.

O alumnado de 2º sentiuse moi motivado e daquela decidimos elaborar un conto para regalarlle a Samuel, empregando como protagonista o "robot con abrigo" do seu marcapáxinas.
Redactámolo, pasámolo a limpo con bolígrafo (que xa o usamos), ilustrámolo, vimos como se escaneaba, como se copiaba nun lapis de memoria, como se copiaba do lapis de memoria a outro ordenador (o da aula), e como se enviaba como adxunto nun novo correo electrónico.
Recibimos o agradecemento do CEIP de Cervo, onde llelo amosaron ao alumnado de Educación Infantil con gran deleite para este. 
E merecemos novamente a felicitación do profesorado que o recibiu, pola calidade do noso traballo.













No hay comentarios:

Publicar un comentario