lunes, 5 de junio de 2017

VIDEOCONFERENCIA

O venres, día 2 de xuño, levamos a cabo unha videoconferencia co alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria do CEIP "Virxe da Cela", de Monfero.

Este colexio e mais o noso están levando a cabo unha iniciativa, que partiu do Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro, consistente no intercambio de traballos dentro dunha relación de compañeiros de diferentes ámbitos xeográficos.
O obxectivo desta iniciativa é que o alumnado de ambos centros se enriqueza coas experiencias cotiás dos outros: nenos/as de cidade con nenos/as do rural e viceversa.
Pero o principal para nós é coñecer rapazas e rapaces que empregan o galego como lingua habitual de comunicación, e compartir con eles o uso desa lingua que posuímos en común e que tan pouco empregamos de xeito espontáneo.

Non foi esta a primeira actividade que realizamos no curso dentro desta iniciativa. Os primeiros contactos fixémolos xa hai tempo, presentándonos mediante debuxos e textos escritos que enviamos e recibimos por correo postal.

Nesta ocasión, e facendo uso das posibilidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías, fomos capaces de vernos e escoitarnos. Para iso preparamos, xunto co prefesorado do colexio de Monfero, esta actividade que consistiu en catro apartados:

- Presentacións.
- Características dos nosos colexios e lugares de residencia (no noso caso A Coruña e o barrio).
- Actuacións (nós propuxemos adiviñas, contamos chistes e fixemos malabarismos).
- Conversa, na que fixemos e respostamos preguntas sobre os nosos gustos e afeccións escolares e persoais.

A actividade prolongouse durante unha hora. A atención e interese do alumnado estivo garantida todo o tempo. Foi unha experiencia moi enriquecedora dende o punto de vista técnico (experiencia TIC,s), social (intercambio de experiencias e coñecementos) e lingüístico (preparación e desenvolvemento da videoconferencia, integramente en lingua galega).

Queda en proxecto o coñecérmonos fisicamente mediante viaxes de visita dun Centro a outro, pero iso en vindeiros cursos.





No hay comentarios:

Publicar un comentario